Esquerda Unida esixe do Goberno do Estado que de explicacións desta actuación da Fiscalía e force a retirada desta actuación que posúe un cariz profunda e perigosamente antidemocrático. De non facelo así convertiríase xa non en cómplice senón en protagonista dun ataque antidemocrático, o convalidar actuacións tendentes a agochar os crimes do franquismo e a rampante corrupción que expresa a trama Gürtel.
Para a nosa organización semella un moi grave atentado á democracia e a división de poderes, que se empregue a Fiscalía Xeral do Estado, órgano xerárquico dependente do Ministro de Xustiza, para coutar un pronunciamento democrático do Pleno do concello da nosa cidade. Pronunciamento respectuoso da legalidade, e que se fixo en atención as actuacións do xuíz Baltasar Garzón que tentan clarexar os crimes da ditadura franquista e mailas tramas de corrupción que minan a vida democrática. Pronunciamento que naceu da moción presentada por Esquerda Unida ao Pleno do concello con data de 25 de marzo e que contou co respaldo dos Grupos Municipais de PSOE e BNG.
Yolanda Díaz, Voceira do Grupo Municipal, reclama a primacía da soberanía popular para poñerlle fin os tabús e zonas de sombra que aínda semellan subsistir neste réxime político. E máis denuncia e interrógase acerca dos intereses que se agochan tras desta manobra da Fiscalía Xeral do Estado e que parecen conducir a deixar na impunidade do descoñecemento aos crimes da ditadura e maila corrupción que ameaza a legalidade democrática.