Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) amosa a súa solidariedade co avogado vigués Gustavo García, cuxo despacho foi asaltado durante a noite do domingo ao luns por un grupo de fascistas, que causaron importantes danos materiais. Gustavo García é un recoñecido letrado, comprometido a través da Fundación Contra a Impunidade na loita pola memoria histórica e contra a impunidade dos crimes franquistas.
Alternativa Galega de Esquerda condena este infame ataque violento, que trae á lembranza os anos máis duros de represión fascista, cando defender as vítimas ou formas de pensar alternativas tiña un elevado custo para as persoas. Trátase dunha acción repugnante para a conciencia democrática deste país, alentada ademais por determinadas declaracións de dirixentes públicos, que se gaban de apoiar a ditadura fascista de Franco sen ter sanción algunha das súas organizacións. Son esas actitudes, pasivas e activas, as que dan pulo a comportamentos brutais e totalmente inadmisíbeis como os que sufriu o avogado vigués.
Alternativa Galega de Esquerda pregúntase, a maiores, cal é a opinión da Delegación do Goberno español en Galicia, da Fiscalía Xeral do Estado, da propia Xunta de Núñez ou do Partido Popular de actos vandálicos coma este, que non son en absoluto illados e que se están a repetir por todo o territorio estatal.