O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera indispensábel construír aparcadoiros disuasorios gratuítos nas principais vías de comunicación para evitar a entrada masiva de automóbiles na nosa cidade, que colapsan o centro e provocan grandes atascos nas principais arteiras. Asemade os ditos aparcadoiros deben estar conectados con buses lanzadeiras que conecten co centro e os puntos neurálxicos, como polígonos, hospitais, universidade, mediante plataformas dedicadas para asegurar a rapidez e calidade do servizo. Por outra parte apostamos por recuperar o ferrocarril de proximidade e mellor coordinación do transporte metropolitano.
Na actualidade temos un grande exceso de automóbiles circulando polas nosas rúas debido a unha errada política municipal moi afastada da promoción do transporte público e a tradicional vida de barrio coruñesa que fomenta os desprazamentos curtos, xa que logo, Esquerda Unida esixe o desenvolvemento dun Plan Integral de Mobilidade Universal e Sostible (PIMUS) elaborado mediante participación cidadá no que colaboren veciñanza, colexios técnicos, movementos ecoloxistas e as distintas forzas políticas.
Consentes do grave problema de mobilidade da nosa cidade, o Consello Comarcal de EU Coruña leva tempo desenvolvendo o devandito PIMUS baseado nun transporte público amplo, eficaz, económico, universal e sostible que permita a veciñanza desprazarse por toda a cidade con comodidade e puntualidade. Así para facer máis competitivo o bus e incrementar a súa utilización por parte da cidadanía propoñemos a implantación do billete único progresivo diario que consiste nun pago inicial do billete no primeiro viaxe e logo tan so o 10% en cada transbordo durante ese día. Para mellorar a súa eficacia apostamos por definir liñas primarias que incorporen carril bus e liñas secundarias mediante o sistema intelixente de vía prioritaria.
Así a execución do PIMUS, acabaría cos problemas de mobilidade na cidade, ao reducir o tráfico e, xa que logo, melloraría a calidade de vida, reduciríase a pegada ecolóxica e as emisións de CO2, principal gas causante do efecto invernadoiro e o quecemento global, ao tempo de converter A Coruña nunha cidade menos dependente do petróleo, fonte de enerxía que se está a esgotar.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o problema de mobilidade na Coruña so se soluciona con vontade e valentía política, en Esquerda Unida – Os Verdes a temos e a proba é a nosa proposta de PIMUS”.