Atrasos no URBAN

 

Aos atrasos acumulados no mandato municipal pasado hai que comezar a engadirlle agora a parte de responsabilidade do PP:  “o non nos vale nada” que preside a posición deste partido, deste Goberno Municipal, e que aparella  continuas modificacións de proxectos xa redactados, proxectos que xa teñen o conforme da administración autonómica ou que  incluso xa están licitados.

 

As certificacións de gasto son preocupantes porque delatan un grao moi baixo de execución. Unha primeira certificación de gasto feito  importa por valor de 619.224,80 euros, e a próxima segunda certificación  suporá no mellor dos casos 355.572,66 euros; en suma, non chegará ao millón de euros, diante dun conxunto de investimentos que desborda os  dez millóns de euros. EU quere facer un chamado á cordura ao Goberno Municipal para que acelere o proceso de execución do URBAN aproveitando a parte dos traballos feitos, poucos pero que os hai, para deste xeito non ter que correr os riscos e incluso o bochorno de rematar por perder parte dos fondos conqueridos no mandato corporativo anterior. A nosa organización contempla con preocupación a vontade do PP de non continuar ningún proxecto herdado: así se modifica xa un proxecto licitado como é o do Cantón, coas posibles e adversas consecuencias xurídicas que isto poida carrexar; modifícanse tamén os do parque Raíña Sofía ou o baluarte de Canido, nun bamban de declaracións que amosan certa improvisación ou as cousas pouco claras e que  autoriza a desconfiar da veracidade das proclamas de gobernar con todos e para todos. A realidade é que un sectarismo estéril preside até agora as actuacións, ao punto que se paralisa ou corrixe todo, o que vai supor atrasos no desenvolvemento e execución de actuacións que constitúen unha grande oportunidade para transformar a realidade física e de servizos da cidade.

 

Nos preguntamos, valga o exemplo, cal va a ser a sorte de proxectos como a rehabilitación da casa de Carvalho Calero, que nas propias previsións do URBAN se contempla como sede do Centro de Recursos para as asociacións. A programación do URBAN cómpre que manteña uns criterios de coherencia suficientes para evitar o esperpento de programar recursos nun inmoble para o cal o actual Goberno Municipal dubida alomenos de acometer a súa rehabilitación. Pedimos dende EU diálogo e non imposición, pedimos acordos e non sectarismo, pedimos celeridade na execución do URBAN e non declaracións baleiras.

 

EU vai estar disposta a chegar a acordos e a colaborar nas amplas tarefas que restan para completar un conxunto de actuacións que poden marcar un fito no desenvolvemento da cidade. O URBAN é para todas e todos os veciños desta cidade. Non é cousa dun partido. Pedímoslle ao Goberno que lembre esta obviedade.

Relacionados