O grupo municipal de Esquerda Unida recibiu dun grupo de veciños a información de que se está a habilitar unha praza pública e peonil como aparcadoiro dunha infraestrutura cultural a piques d eser inaugurada co todo o fasto para a ocasión. Este feito xa dá conta do tratamento que merece a oposición para o goberno do PP. Non fai falta mencionar o descoñecemento total dos veciños directamente afectados pola medida, novo exemplo do concepto que mantén o goberno de Rey Varela de participación cidadá.
Esquerda Unida, malia todo, non está sorprendida: xa apuntabamos a semana pasada en nota de prensa que entre outros aspectos o novo Auditorio lonxe de servir como revulsivo do barrio de Caranza ía xerar problemas derivados da chapuza e a improvisación da mesma obra e da política de mobilidade á que nos somete o goberno da cidade.
Esta mesma mañá o noso concelleiro Suso Basterrechea preguntou a dous membros do goberno da cidade sobre a veracidade da citada información. Os dous manifestaron esa posibilidade e un deles afirmou que en todo caso sería unha medida provisional. O certo é que tan informal información contrasta co feito que segundo os datos que manexamos se está a construír unha rampla de formigón, material que evidentemente non parece responder a unha necesidade puntual.
O grupo municipal de Esquerda Unida quere manifestar, unha vez máis, o seu rexeitamento máis absoluto a este xeito de actuar que por outro lado parece a habitual dende o Concello. Esquerda Unida posiciónase como sempre ao lado da cidadanía que sofre o atropelo dunhas actuacións abusivas e que supoñen, outra vez, a ocupación dun espazo público para un uso que non é o previsto e que afastan de novo a Ferrol de conseguir unha maior humanización do noso ámbito.
Esquerda Unida, para finalizar, pregúntase se este é o concepto de urbanismo do goberno do PP e se é este o modelo de xestión do que presumen?





