Aula de infantil no CEIP Bouza Brey

 

Dende fai algúns anos, Esquerda Unida, así como boa parte da comunidade educativa do concello de Ponteareas, leva denunciado a falta de investimentos en materia de ensino público.

Esta falta de investimentos denota a falta de compromiso por parte do concello e os distintos gobernos autonómicos co ensino público, o que xunto co aumento demográfico do concello durante a última década, levou a un grave deterioro das condicións nas que se desenrola a actividade educativa. Perda de aulas de desdobramento, masificación e deterioro das instalacións son as consecuencias de esta falta de compromiso co ensino público.

 

Este deterioro das condicións nas que se desenrola a actividade educativa na vila levou a que tanto esta organización como unha gran parte dos pais de alumnos reclamaran a necesidade da reforma dos centros, particularmente o Bouza Brey e o Ramiro Sabell, e a construción dun novo centro no concello que aliviara a actual masificación.

A resposta da Xunta de Galicia a este conflito foi a proposta de construción dun aulario no recinto do Fermín Bouza Brey, solución que dende esta organización consideramos provisional e chapuceira, xa que supón unha simple medida para ter onde meter aos rapaces de calquera forma ao mesmo tempo que se reduce o espacio do patio do centro. É dicir, supón un novo empeoramento do centro.

A pesares dos evidentes inconvenientes, a construción dun aulario no Bouza Brey foi a solución barata adoptada pola Xunta de Galicia, co compromiso de que a obra estaría rematada ao comezo do curso 2011-2012. Solución esta, por certo, que recolle o actual Goberno en máns do PP do anterior goberno do PSOE-BNG.

 

A realidade é que as rapazas e rapaces que acudan o vindeiro luns 12 de setembro ao primeiro día de clase, atoparán a súa escola patas arriba. O aulario que a Xunta empecinouse en facer e comprometeuse a ter feito antes de setembro, non estará rematado ao comenzo das clases. Lembremos que esta obra tiña un período de execución de oito meses e comezouse en abril deste mesmo ano pese as protestas dos pais polo feito de comezar as obras en período lectivo. A excusa do xefe territorial, César Augusto Pérez Ares, foi que era preciso para que estivera rematado a tempo. Outra vez comprobamos que as suas palabras as leva o vento.

Dende Esquerda Unida denunciamos que esta situación de deterioro do ensino público non é algo casual: forma parte da liña de demolición do ensino público que está levando a cabo a Xunta de Galicia en mans do PP, plan que leva a que no vindeiro curso se perdan en Galicia ao redor de 200 postos de traballo no ensino público en 95 centros de infantil e primaria e 106 unidades, así como 14 escolas infantís. Situación que queda plasmada coa apertura dunha nova liña no centro concertado Santiago Apóstol.

 

Esta organización ratifícase na necesidade da construción dun novo centro público de educación no concello de Ponteareas para poder garantir unha adecuada atención educativa aos rapaces do concello.

 

Relacionados