aluga-se1.jpg - 10.14 Kb

Aumento dos prezos dos alugueres

 

Os datos volven reflectir que as medidas levadas a cabo polo equipo de goberno do PSdG e o BNG en materia de urbanismo son ineficaces e prexudiciais para a cidadanía, posto que ademais de desvelar que Santiago foi a única cidade galega na que aumentou o prezo da vivenda nova, agora constatan que se converteu no 2010 na máis cara no tocante os prezos de aluguer, cunha subida superior o 11%.           

Esquerda Unida Compostela manifesta que é inaceptable a falta de propostas e a desidia que mostra o equipo de goberno para atallar esta grave situación, que non so repercute negativamente sobre os veciños e veciñas de Santiago, posto que, como é ben sabido, estamos nunha cidade universitaria na que moitos estudantes de toda Galicia, ante a falta de prazas en residencias universitarias de titularidade e xestión pública, vense abocados a someter as súas familias o gasto que supón vivir de aluguer. 

 

O Consello Comarcal de EU recorda que nun dos obxectivos xerais fixado no acordo de goberno, asinado polo PSdG e BNG, pódese ler textualmente “Mellorar a calidade de vida no marco dunha cidade habitábel e sostíbel,[…] primando o dereito a acceder a unha vivenda…”, ratificando, unha vez máis, o fracaso da xestión levada a cabo até o de agora polo equipo de goberno.

 

Por todo isto EU Compostela propón, entre outras moitas medidas necesarias, a creación dun parque público de vivendas en réxime de aluguer atendendo a un criterio de dispersión dentro do recinto urbano, e, por suposto, nun tema tan importantes como o é este, calquera medida que se leve a cabo debe estar definida en base a unha ampla participación cidadán e na procura de rematar coa especulación. 

 

 

Relacionados