Aumento recibo do lixo

 

Alternativa Galega de Esquerda lamenta que o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, aposte por continuar o ataque á cidadanía e castigala a pagar máis polo recibo do lixo co aumento de prezos que aplicará Sogama e que él mesmo cifrou nun euro ao mes por familia, obviando que para moitas familias no noso país un incremento de 30 euros mes pode ser en moitas casos imposible de asumir e para outras un importantísimo esforzo que afonda aínda máis a economía dos fogares galegos.

Desde AGE destacan que este suba únese ao céntimo sanitario que se gravará nos hidrocarburos, ao pago dos comedores escolares, ao repago farmacéutico e a un lista cada vez máis longa que a Xunta de Galicia carga á cidadanía que a condena á fame e a miseria e que confirma o espectacular incremento da carga tributaria no noso país pese ás mentiras de Feijóo. Así, o Partido Popular ten previsto no proxecto de lei de Orzamentos para o 2014 unha suba do canon de tratamento do lixo na planta de Sogama dos actuais 55,91 euros/tm a 74,64 euros/tm, o que supón un incremento dun 40 por cento, que se trasladará ao consumidor no recibo do lixo e, por tanto, unha maior carga tributaria para a cidadanía.

A Disposición Adicional Vixésimo primeira (Garantía de viabilidade do sistema promovido pola  administración autonómica para a xestión institucional dos residuos domésticos) do articulado do proxecto de lei de orzamentos para o 2014  modifica susbtancialmente o réxime económico-financieiro de Sogama e do canon de  tratamento de residuos correspondente :

· fíxase o canon para o 2014 na contía de 74,64 €/Tn (+IVA), contía un pouco inferior ao que solicitaba Sogama (78,27 €/Tn). No actual 2013 dito canon é de 55,91 €+IVA, co cal o incremento do canon de tratamento é do 40%.

· o canon actualizarase anualmente en función do IPC

· e non só iso, senón que o PLO (proxecto de lei de orzamentos) habilita á Xunta  para modificar dito canon “por circunstancias extraordinarias de alteración da viabilidade económica do sistema”.

· Fixación do prazo máximo dun ano para revisar as condicións de adhesión dos concellos ao sistema Sogama, de xeito que os impagos serán descontados da participación dos concellos no Fondo de Cooperación Local.

A Memoria de Sogama contida no proxecto de lei de Orzamentos:

http://www.conselleriadefacenda.es/orzamentos/2014/PR/SOC_MERC_FR08.PDF prevé un volume de recollida estimada para o 2014 de 756.613 millóns de toneladas, co cal o incremento de recadación polo canon é de (74,64 – 55,91) x 756.613 = 14.171.361 de euros.  Dado que o incremento do canon vaise repercutir polos concellos na taxa do recollida do lixo, o incremento do canon de Sogama vai supoñer un incremento tributario de 14,171 millóns de euros. Incremento tributario silenciado por Núñez Feijoo  e que engádese ao do imposto de hidrocarburos.

Con dito incremento do canon Sogama pasaría dunhas perdas estimadas neste ano 2013 de – 4 millóns de euros a uns beneficios (antes de impostos) no 2014 de 10,3 millóns de euros (*). As perdas do 2013 obedecen ao novo marco legal do sistema eléctrico aprobado polo PP, supresión das primas ás renovables, tal e como sinala a propia Sogama na súa Memoria : “No exercicio 2013 a Sociedade prevé un resultado con unha perda de 4.066.781,99 euros derivada principalmente dos efectos negativos da diminución dos ingresos por venda de enerxía no ano. Como consecuencia dos cambios do marco regulatorio operados no ámbito de actividade da Sociedade Galega de Medio Ambiente, S.A., en concreto na produción de enerxía eléctrica, por medio da Lei 15/2012, do 27 de decembro, de medidas fiscais para a sustentabilidade enerxética; o RDL 2/2013, do 1 de febreiro, de medidas urxentes no sistema eléctrico e no sector financeiro e o RDL 9/2013, do 12 de xullo, polo que se derroga o RD 661/2007, segundo a Disposición derrogatoria única, e polo que se adoptan medidas urxentes para garantir a estabilidade financeira do sistema eléctrico, (aínda pendentes de desenvolvemento) producíronse efectos adversos para o equilibrio económico financeiro da dita Sociedade que obrigan a revisar o plan de negocio da compañía. Por iso a Sociedade elaborou un Plan de Viabilidade 2013-2022 co fin de garantir a viabilidade económico financeira da compañía a longo prazo”.

En consecuencia, o goberno do PP do Estado modifica o sistema tarifario eléctrico,  ocasionando perdas a Sogama, e Núñez Feijoo e o goberno do PP na Xunta aproban un incremento do canon ,en realidade, unha suba tributaria de 14 millóns de euros para que Sogama obteña un beneficio de 10 millóns.

Deste xeito, AGE considera que unha vez máis a propaganda do señor Núñez trata de enmascarar a auténtica realidade da política fiscal do PP: anunciar unha rebaixa-trampa (a do IRPF) mentres se incrementan en moito maior contía outros impostos e tributos,  con grave impacto para a maioría social.

 

Relacionados