Esquerda Unida considera que o PP suspende nos seus primeiros cen días de Goberno. Non cabe dubida que en cen días non se poden pedir solucións para todos os problemas e que se cumpra todo o prometido, mais é tempo suficiente para deseñar a as liñas mestras da acción de Goberno dos vindeiros catro anos.
Tan so compartimos a política desenvolvida en canto a austeridade, a pesares de que se está a utilizar demagóxicamente como cortiña de fume para agachar a inacción noutros temas ou a submisión diante da Xunta por intereses partidistas como no caso da substitución da residencia universitaria pública que ía xestionar a universidade por outra construída e xestionada por unha empresa privada, o peche do IES Paseo das Pontes cos graves prexuízos causados a 250 rapaces coruñeses e as súas familias ou a incapacidade de facer rendíbel a cesión da fábrica de tabacos que finalmente o Goberno local regalou a Xunta de Galicia xogando co patrimonio de todos os coruñeses e coruñesas.
O grupo municipal de EU-V denuncia que o Goberno municipal centrouse no urbanismo, favorecendo aos especuladores en lugar de atender as necesidades da cidadanía promovendo a creación de emprego. Cando a súa mensaxe en tempo de eleccións era xustamente a contraria, falando constantemente de creación de emprego e denunciando as irregularidades urbanísticas do Goberno bipartito.
O voceiro de EU-V, César Santiso indicou “Sabíamos que un Goberno conservador non ía facer esforzos en servizos sociais, como estamos a ver, pero a súa inacción en canto á reactivación da economía local e o cambio do modelo produtivo cara un máis sustentábel está a decepcionarnos. Non aprenderon nada da crise, seguir co cemento e o formigón como motor económico significa que o do PP en vez de ser un cambio eficaz é un cambio frustrado”.
César Santiso, afirmou que “o Goberno local amosou falta de transparencia e nula capacidade de diálogo, mais entendo que eran dinámicas herdadas do pasado polo que confío en que rectifiquen”, a moción negociada conxuntamente por PP, PSOE, e EU-V pode ser o punto de inflexión que permita un dialogo fluído no Concello porque “Esquerda Unida está disposta a colaborar e facer achegas que melloren a calidade de vida da veciñanza, propostas que polo de agora o Goberno municipal non ten en conta e nin tan sequera debate con nós”.