Avaliar investimento municipal

Mentres, os  diferentes índices e indicadores económicos continúan arroxando cifras negativas que desvirtúan as políticas e decisións económicas adoptadas polo Partido Popular.

Esquerda Unida – Os Verdes alerta do baixo rendemento da inversión municipal en relación co desenvolvemento económico, a xeración de emprego e o cambio de modelo produtivo. As cifras de negocio do sector servizos (IASS) rexistran en Galicia o terceiro maior descenso do conxunto do Estado cun 1,6% de caída, un mal dato para avaliar a política de inversións do Partido Popular con Feijoo e Negreira a cabeza, que centraron a súa estratexia económica no turismo para esta cidade que consideran “motor económico de Galicia”, onde acentuaron a tendencia inversora de anos anteriores de confianza cega nos negocios que nos levaron á crise: formigón, festexos e turismo.

Esquerda Unida propón que os investimentos do concello sexan sometidos á avaliación continua por un equipo de expertos formado por técnicos municipais e especialistas, tanto independentes como da UDC, en economía do ben común, descenso enerxético e cénit do petróleo e responsabilidade social corporativa. Estas avaliacións serán de acceso público, para que os coruñeses coñezan o desempeño da inversión dos fondos que xestiona o goberno municipal. Os informes converteranse nunha ferramenta útil de cara a reformular inversións que se demostren ineficientes.

A contratación pública supón un 18% da nosa economía e hai motivos suficientes para non aforrar esforzos en controis sobre a correcta administración do diñeiro dos contribuíntes, tanto dende o punto de vista da estrita legalidade como dende o punto de vista da integridade política e a eficiencia. Unha correcta planificación das compras e servizos, xunto coa definición de medidas para potenciar clusters empresariais locais, precisa de análises técnicos completos que hoxe o goberno municipal obvia.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o goberno municipal ten a obriga de actuar para facer que a inversión municipal sexa rendible en termos de xeración de emprego e fomento dun novo tecido produtivo mais verde, sostible e competitivo, que non dependa dun so tipo de negocio. Por poñer un exemplo, A Coruña é unha das cidades que máis gasta en turismo en relación a outros sectores e das que menos retorno económico acada por mor da errática política de inversións de Carlos Negreira”.

Relacionados