Efectivamente, segundo a Enquisa Financeira das Familias recollida no Barómetro Social, constátase unha tendencia á concentración da riqueza no sector da poboación máis podente, que entre 2005 e 2009 incrementou o seu patrimonio nun 19,9%, e ao aumento da pobreza entre o segmento máis desfavorecido da sociedade, que entre 2005 e 2009 veu como se reducía o seu patrimonio nun 6,4%, o que provocou que a ratio de desi- gualdade entre o 25% de fogares máis ricos e o 25% de fogares máis pobres se incrementase nun 28% entre eses anos.
Ora ben, a orixe deste avance das desigualdades cómpre buscalo, obviamente, en dous feitos concretos: primeiro, no incremento dos activos financeiros, que beneficiaron fundamentalmente as familias máis ricas, que controlan a actividade empresarial; e, segundo, na perda da masa salarial -sen considerar aínda, cómpre insistir neste feito, nin a contención salarial provocada polo Acordo para o emprego asinado o 9 de febreiro do ano 2010 pola patronal e CCOO e UGT, nin o RD-ley 8/2010, de 20 de maio, polo que se reducía o salario dos empregados públicos-.
Así mesmo, a orixe do retroceso da masa salarial fronte ao capital en relación ao PIB cómpre buscala, entre outras causas, nos seguintes feitos: primeiro, na precariedade laboral dun terzo da poboación asalariada, que perciben salarios por debaixo do SMI; segundo, no incremento do desemprego, que como consecuencia da crise se incrementou supera o 20% da poboación activa e afecta a máis de 4 millóns de persoas, polo que dependen das prestacións públicas -en retroceso dende o inicio da crise- para a supervivencia. Situacións que, obviamente, provocaron que incrementase o número de fogares pobres (por debaixo do 60% da renda media) ata situarse no 20,8% e aumentase o número de fogares que declaran dificultades para chegar a fin de mes (26,9%), aos que cómpre sumar aqueles que declaran non ter capacidade de aforro (34,1%).
Ora ben, este avance das desi- gualdades é consecuencia da política económica do goberno; daquela, a que espera o goberno, que di ter sensibilidade social, para dar un xiro de 180º á súa política económica promovendo a creación de emprego público, aumentando o gasto público en servizos sociais, creando unha banca pública e fomentando a progresividade fiscal, medidas que frearían o avance das desigualdades sociais..