O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes saúda que o Concello asuma moitas das súas demandas en canto a modernización da xestión municipal, mais lamenta que tardase tanto tempo en tomar a decisión, pois son moitos os meses que levamos suxerindo a meirande parte das propostas que propón o documento da axenda dixital. Xa no noso programa electoral incluíamos a consulta de expedientes a través da web municipal como medida de transparencia e axilización de trámites administrativos, apostamos dende o principio polo taboleiro de edictos virtual aprobándose incluso unha emenda nosa á ordenanza municipal de rehabilitación para que a información aparecese ademais de no taboleiro de anuncios do Concello na web municipal. Tamén apostamos pola oficina tributaria online, como xa teñen outras administracións como a Deputación provincial da Coruña e así o indicamos cando denunciabamos a falta de eficacia na recadación municipal. Por outra banda denunciamos en múltiples ocasións o déficit tecnolóxico do Concello que supoñía un enorme gasto de recursos materiais como o malgasto de papel ou consumo de fotocopiadora, e humanos ao ter que dedicar moito tempo a desenvolver unha xestión obsoleta, procesos que se resolverían con un “click” levan horas e incluso días debido ás eivas tecnolóxicas. Así por exemplo propuxemos a creación dun espazo na intranet para as relacións coorporativas, e dicir: no acceso a información por parte da oposición, no uso de actas dixitais ou na presentación de iniciativas por parte dos distintos grupos municipais e as relacións burocráticas, con esta medida aforraríanse centos de horas de traballo por parte dos empregados públicos que poderían derivarse a incrementar e mellorar os servizos a cidadanía sen incrementar custes. O informe falta tamén de xanela única, proposta que xa levamos ao Pleno fai meses.
Esquerda Unida comparte a proposta pero considera excesivos os prazos da Axenda Dixital en canto a tramitación electrónica. A coincidencia de moitas das nosas demandas co informe técnico amosa tanto o acerto e o pragmatismo das propostas de EU-V, como o noso espírito construtivo. O Concello ten recursos económicos suficientes coas achegas estatais e dos fondos FEDER, ademais pode establecer convenios de colaboración coa Universidade e a Deputación provincial, ente que está moito máis avanzado nas TIC, para rematar os principais proxectos en dous o tres anos, porque nestes momentos de crise necesitamos actuacións inmediatas, non podemos esperar até o período 2015-2018 para consolidar o plan.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “é unha magoa que o goberno municipal perdese un ano antes de apostar pola implantación das novas tecnoloxías para mellorar os servizos á cidadanía, como demandámoslle. Está claro que imos un paso por diante do goberno local”.