Axuda a estudantes universitarios

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Xabier Ron, esixe que a Consellaría de Educación habilite un fondo de continxencia para axudar aos universitarios e universitarias que atravesen por dificultades económicas. A este respecto, vén de presentar unha proposición non de lei (no documento anexo) en que reclama que a Xunta se erixa en salvagarda “da igualdade de oportunidades e do dereito á educación superior como servizo público”. Ron tomou a iniciativa logo de coñecer, mediante informacións xornalísticas, que máis dun milleiro de alumnos e alumnas galegas corren o risco de non poder continuar os estudos por teren pagamentos atrasados nas tres universidades do país. Teren as contas ao día é un dos requisitos imprescindíbeis para poder matricularse no vindeiro curso.

 

“Nun contexto de desemprego, empobrecemento das clases traballadoras, de perda da protección social”, argumenta o parlamentario de AGE, “os recortes en educación e nos recursos destinados á universidade só serven para que aumenten as desigualdades”. E estes máis de 1.100 estudantes que non deron pagado a última fracción da matrícula son só unha consecuencia máis das formulacións da austeridade decretada pola troika e aplicada obedientemente por Alberto Núñez Feijóo en Galicia. Por todo isto, o Goberno galego debe pór inmediatamente en marcha mecanismos como este fondo de continxencia que permitan a todos os estudantes seguir na universidade.

Relacionados