Axudas emerxencia social

Esquerda Unida congratúlase de que a súas achegas mediante alegacións á ordenanza de Emerxencia Social, contribuísen a boa resposta dos servicios sociais diante do incremento da pobreza durante o 2012 que incrementaron o número de axudas nun 101% respecto o 2011, pasando de 948 a 1914 as familias traballadoras coruñesas que se acolleron a este programa, o que supuxo a execución da práctica totalidade dos 735.000 € destinados ao dito programa, dos que a meirande parte foron para adquisicións de alimentos en bens básicos e 350 axudas que supuxeron 133.000 € foron para gastos de vivenda, tanto aluguer como hipoteca .

Os 735.000 euros do 2012 contrastan cos 300.000 euros do ano 2011, debéndose este incremento no apoio as familias traballadoras á mellora da ordenanza de Emerxencia Social, onde se incrementou a cuantía das axudas e regulouse un acceso máis xusto as ditas axudas grazas as achegas de EU-V aceptadas por unanimidade en Pleno.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes alerta de que os orzamentos do 2013 non reflicten as verdadeiras necesidades en emerxencia social, o que demostra a súa artificialidade. Xa que semella inconcibíbel que o goberno municipal presuposte tan só 660.000 euros apesares de ser coñecedor de que o 2013 azoutará con maior forza ás familias traballadoras como amosan todos os informes oficiais. Con esta actitude o goberno municipal demostra que os orzamentos son irreais e que terá que rectificalos ao longo do ano mediante modificativo de crédito, práctica que criticaba tanto cando estaba na oposición.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o concello non pode conformarse con repartir cartos de maneira pasiva, debe actuar proactivamente liderando un plan que vertebre e coordine a loita contra a pobreza a través dunha rede de comedores sociais e un centro municipal de inclusión social” (CIMS) que permita despregar os recursos suficientes para unha acción integral a prol das  persoas que se atopan nunha situación de grave necesidade, un centro polivalente, que permita atender tamén aos elementos estruturais para saír da situación de emerxencia e integrarse de novo na sociedade, así as de carácter sociosanitario e sociolaboral, para propiciar a recuperación das persoas usuarias.

A rede municipal de comedores sociais públicos pretende asegurar que todos os coruñeses teñen acceso a unha alimentación digna. Na devandita rede traballarían en sinerxía os actuais comedores xestionados por entidades privadas, cos públicos, descentralizando a oferta e evitando a concentración de marxinais o que evitaría a reticencia de facer uso destas instalacións ao chamados “novos pobres”, cidadáns integrados socialmente que a crise os puxo no limiar da pobreza. Asemade, na Coruña, as distintas entidades benéficas e o propio banco de alimentos recoñecen sentirse superados diante dunha demanda que crece de maneira exponencial, o que sitúa a nosa cidade cun importante déficit en canto á oferta de comedores sociais. Mentres a acción social do goberno municipal limítase a incrementar as subvencións a determinadas ONG.

 

Relacionados