Balance de dous anos de goberno

Esquerda Unida cualifica de nefasta a acción de goberno do PP coruñés nestes dous anos, baseada nunha xestión opaca e ineficaz. O goberno municipal demostrou a súa incapacidade e falta de coñecemento do funcionamento da administración local, dende a súa chegada a actividade municipal ralentizouse. Por outra banda é difícil atopar diferenzas na xestión da facenda municipal entre de PP e PSOE. O orzamento de gastos é case idéntico, salvo o importe de investimentos que diminúe ano tras ano. Os baixos índices de execución e a confección de orzamentos afastados da realidade que logo teñen que emendarse con varios modificativos durante o exercicio, demostran a chapuzeira xestión de ambos. Mantense unha pésima recadación de tributos, xa que o Concello continúa a ingresar só un 75% do previsto, mantendo a permisividade cas débedas de concesionarias que explotan instalacións municipais e os promotores inmobiliarios.

Na era da información, da comunicación e das redes sociais os expedientes administrativos seguen a percorrer as oficinas municipais en forma de pilas de papel e o nivel de opacidade é enorme mentres seguimos sen saber se o Goberno local dispón xa dun rexistro de concesionarias e se sabe canto ten que cobrar a cada unha. Din que xa existe un rexistro e unha xestión informatizada de facturas, pero aínda seguen a recoñecer a existencia de algunhas agachadas nos caixóns. En canto a xestión de persoal, so dicir que so se preocuparon de colocar aos seus altos cargos, o diálogo coa representación sindical é nulo, no amosaron ningún interese en reorganizar o Concello para gañar en eficacia e poder desenvolver máis e mellores servizos á cidadanía.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes subliña as erráticas políticas no eido económico e de emprego, a cultura do pan e circo, a parálise no eido medioambiental, a desfeita en mobilidade, ou a incapacidade para adecuar os servizos sociais ás necesidades das persoas. O PP amosa que non entende a situación económica actual pois aplica políticas de promoción económica obsoletas, propias do século pasado, centradas no ladrillo e no turismo, cando o propio Banco Mundial o desaconsella. Magoa que durante dous anos desoíra as nosas propostas de reactivación económica e xeración de emprego a través do cambio modelo produtivo local, por certo coincidentes co proxecto Coruña Futura. Trátase pois de apostar pola ecotecloxía, a eficiencia enerxética, as TIC e o I+D+i, en definitiva impulsar a sociedade do coñecemento e a economía verde.

O Goberno municipal actuou como os novos ricos que gastan moito para aparentar e esconder o seu complexo e incapacidade, así centra a súa actividade cultural en organizar grandes e custosos eventos. En lugar de utilizar os cartos para dinamizar o sector cultural da cidade, prefire contratar a estrelas internacionais. En lugar de repartir o investimento en actuacións por toda A Coruña, para promover aos barrios e o seu pequeno comercio, prefire centralizalo nas zonas mais pudintes.

No eido medioambiental non se fixo nada salientable mais aló de folletos, campañas publicitarias e estudos que non chegaron a plasmarse en realidades apesares do seu alto custe. Incapaz de solventar as eivas do tratamento de refugallos de Nostian apesares das críticas na oposición. Fracaso na rexeneración de Penamoa, onde xa hai vertedoiros e incendios por non ter reutilizado o espazo como demandámoslle. Non foi quen de implantar as hortas urbanas, tan demandadas pola cidadanía. Rúas sucias e descoidadas apesares e anunciar a bombo e prato o Plan Rúa. Seguen os verquidos de augas contaminadas ao mar e a ría.

Lonxe de apostar polo uso do transporte público, o PP está a promover a utilización do automóbil, convertendo A Coruña na líder do descenso de usuarios de autobus. Substituíron o carril bus pola vía prioritaria sen ter desenvolvido previamente un plan de mobilidade, empeorando calidade dun servizo xa de por si precario. Como resultado, perda de 114.000 viaxeiros na liña 4 a máis afectada pola medida. Subiron o prezo do bus, porque preferiron meter a man nos petos dos coruñeses antes que negociar cos “amigos” da Compañía de Tranvías un contrato asinado en forma de agasallo polo PSOE.

A nivel de servizos sociais, como todos os partidos conservadores, confunde os dereitos da cidadanía coa beneficencia, polo que utiliza os recursos de servizos sociais para asinar convenios a dedo con entidades benéficas, obviando que os poderes públicos son os que teñen que dar resposta ás necesidades básicas da cidadanía. Centralizou os servizos sociais, burocratizándoos, restándolles calidade e afastándoos da veciñanza. Asemade rexeitou a nosa proposta para crear unha rede municipal de comedores públicos sociais como garante do dereito de acceso universal á alimentación. Asemade foron incapaces de adecuar as Escolas Infantís Municipais ás necesidades da veciñanza onde so acadaron praza unha de cada tres familias coruñesas.

Por outra banda, en lugar de promover a participación cidadá e apoiar ao tecido asociativo, o PP utilizou cartos públicos para tecer redes clientelares, asemade utiliza as concellerías de barrio como ferramenta de propaganda institucional e para establecer unha relación coa veciñanza baseada no outorgamento de favores individuais con fins partidistas.

 

Finalmente, César Santiso indicou que “o lema do PP era: cambio eficaz. No meridiano do mandato constátase que nin cambio ni eficiencia. Foron dous anos de inactividade e de políticas continuístas afastadas da realidade e das necesidades da cidadanía, centraron a súa actividade na propaganda, nos festexos, no turismo e no ladrillo, onde seguindo a liña do “amigo de Negreira” Paco Vázquez, basea a política urbanística e de infraestruturas na especulación e as grandes obras faraónicas, de alto custe e baixa repercusión social, como por exemplo os túneles do Parrote ou da Mariña.

Relacionados