Baltar e as deputacións

Esquerda Unida declara que o feito de que o ex-presidente da Deputación de Ourense, José Luís Baltar Pumar, se dea de baixa temporalmente como militante do PP, dista moito de ser motivo de honra, como tanto divulgan os seus acólitos incluido Núñez Feijóo. A honra vén definida segundo a RAG como calidade e estima dunha persoa, dos seus ditos, da súa maneira de comportarse etc., que a fan ser digna de estima e respecto ante os demais e ante si mesma. O que si sería digno de honra, é que a xustiza actuase segundo os feitos que este cacique ourensano leva realizado ao longo de máis de 20 anos dende o lugar que considerou a súa casa, o seu feudo e a nosa xaula, que abandonou hai uns anos á súa propia dinastía.

A executiva nacional de Esquerda Unida aposta pola supresión das deputacións provinciais. Estas institucións ademais de seren obsoletas, son un claro exemplo de clientelismo e enchufismo manexado sempre en claves político-electorais. A supresión desta institución debe recaer nunha maior autonomía dos propios concellos que fomentando a súa organización mancomunadamente son quen de xestionar as súas necesidades sen ter que pasar por un este filtro institucional que nalgúns casos duplica innecesariamente servizos e recursos.

A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, manifesta que “ a continua implicación de cargos públicos en malversación, fraude, prevaricación, etc, fai imprescindible a creación dun código ético do cargo público que inclúa a loita efectiva contra a corrupción”. A deputada de Esquerda Unida, considera que un exemplo de democratización e rexeneración da vida democrática pasa por garantir o máis estrito comportamento ético dos seus representantes e cargos públicos. A credibilidade da acción política e das institucións democráticas pasa inexorablemente por asumir a ética civil e os valores democráticos en todos os eidos.

Por todo isto, Esquerda Unida considera que si sería unha honra para a xustiza que os responsables de actuar ilexitimamente dende os seus chiringuitos, ben sexan deputacións ou concellos teñan que rendir contas debidamente ante a xustiza.

 

Relacionados