Banca Pública con NGB

Desde que comezou a crise-estafa que padecemos, os Bancos e Caixas recibiron máis de 180.000 millóns de euros en axudas directas.

En Galicia a suposta Comisión de Investigación da Caixas do Parlamento Galego, manipulada dende o inicio e con limitacións en canto ao acceso e difusión democrática da información sobre o proceso de bancarización das caixas, está amosando ante as galegas e galegos con extrema crueza a magnitude do roubo ao que nos someteron.

Mediante este proceso de privatización das Caixas da Aforro, seguidas despois da súa intervención a través dos mecanismos financeiros públicos, transferíronse enormes cantidades de diñeiro público do estado español e europeo ás institucións financeiras privadas e privatizadas.

En outubro de 2011, a entidade xurdida da fusión de Caixanova e Caixagalicia, chamada Novacaixagalicia, ante os graves problemas de capital, é intervida polo Estado mediante o fondo de Reestruturación Ordenada da Banca FROB que aportou 2.465 millóns de euros controlando o 92% da entidade. Practicamente un ano despois o FROB inxectou 5.425 millóns de euros de axudas procedentes do Mecanismo Europeo de Estabilidade (MEDE).

Estamos a falar de máis de 7.800 millóns de euros nesa altura, a data de hoxe máis de 9.000 millóns e que chegarían aos 10.800 millóns en 2014 segundo a folla de ruta de Oliver Wyman, a consultora contratada polo goberno para avaliar as necesidades de capitalización da Banca Española.

A día de hoxe NOVAGALICIA Banco é un banco formalmente público que o goberno central, a través do FROB pretende vender á banca privada, unha venta que inclúe o patrimonio das antigas caixas, o que queda da extinta Obra Social, e o futuro de miles de postos de traballo no sector financeiro galego.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDO

Primeiro. Instar ao Goberno Central a converter Novagalicia Banco nun Banco Público real, que aposte por un novo modelo económico sustentable.

Relacionados