A falta de vontade política do Partido Popular municipal de artellar un sistema sociosanitario eficaz e unha oficina de atención aos desafiuzados/as, condena a poboación á marxinalidade, á exclusión e á pobreza.
A solidariedade veciñal ten que suplir as carencias asistenciais do Concello, máis preocupado no malgasto absurdo de contratar empresas para atraer comercio, ou en disfrazar a Praza de España cun gasto fastuoso.
Un número importante da cidadanía ferrolá vese inmersa nun círculo pechado que se inicia coa perda masiva de empregos na comarca, que continúa coa diminución das prestacións por desemprego, a consecuente imposibilidade de facer fronte á hipoteca, o posterior desafiuzamento, e a tráxica culminación: con familias sen ningún tipo de ingresos,pobreza sobrevida e a obriga de recorrer a rede asistencial para obter un sustento, que os servizos públicos non lle ofrecen.
Aínda que a propaganda gobernamental véndenos que “vivimos por encima de nuestras posibilidades”, esta situación ten un culpable. O poder político e financeiro é responsable das causas e das consecuencias.
A falta de carga de traballo no Naval, debida a falta de implicación política do Partido Popular, afunde o emprego na comarca, arrastrando ao pequeno comercio. O mesmo partido é o executor do recorte no desemprego, da negativa a cambiar a lexislación hipotecaria e de afogar os servizos sociosanitarios.
O alcalde de Ferrol fúrtalle aos cidadáns a atención ás necesidades vitais da parte máis feble da sociedade, e non só iso, senón que se nega a cumprir os acordos adoptados en pleno. EU Ferrol esixe a inmediata activación da Comisión de seguimento dos desafiuzamentos, a apertura dunha Oficina de atención ao desafiuzado/a, a posta a disposición das vivendas baleiras de Recimil e unha defensa da rede socioasistencial de Ferrol:Asfedro, Aspaneps, Lazos, o equipo de valoración da dependencia da Xunta e o CAMF, prestan servizos esenciais á comunidade ferrolá, en risco de desaparición polo afogamento financeiro aos que os someten, con toda intención, os orzamentos do Partido Popular, estatais, autonómicos e municipais.
Esquerda Unida Ferrol non pode permanecer indiferente ante a situación de emerxencia social que está a vivir a nosa comarca, e polo tanto, decidimos adherirnos á campaña do Banco de Alimentos, co fin de solventar transitoriamente a situación persoal de decenas de familias, ás que as políticas neoliberais conducen ao paro, á perda da vivenda e do sustento e, en definitiva, á miseria. O golpe moral e anímico para estas familias debe servir de acicate para a rebelión, a solidariedade e a unión social fronte ao sistema de ditadura financeira, co Partido Popular como executor das directrices marcadas pola Troika: recorte social, paro e diminución de salarios, fin do estado asistencial.
Os mércores de 18:00 a 20:00 horas,na sede de EU, Rúa do Sol 124, entrechán esquerda, a cidadanía pode levar as súas achegas solidarias en forma de alimentos non perecedoiros.