A coalición propón un plan de acción que estimule ás grandes superficies á doazón de tódolos alimentos que as compañías desbotan por atoparse próximos a súa caducidade, pese a atoparse en condicións aptas para o consumo.
En Galicia a EPA confirma 83.700 fogares que non reciben rendas polo traballo, cunha demanda de alimentos en bancos e comedores sociais que creceu entre un 50 e un 100% en 2012. Ante a situación, onde UE e Goberno suprimen os fondos para bancos de alimentos, a Coalición prepara unha lexislación urxente para que a poboación non quede desasistida en dereitos básicos como é a correcta alimentación.
Estamos nun marco onde cada día novas persoas teñen dificultades para acceder ó máis básico. Os bancos de alimentos teñen cada vez menos porque son moitos a repartir e as axudas sofren recortes, unha situación onde os impostos aumentan para rescatar as entidades financeiras. Alternativa Galega de Esquerda quere utilizar tódolos medios ó alcance da Xunta para que o vindeiro inverno non destrúa física e psicoloxicamente a capacidade de recuperación da autoestima dos novos excluídos sociais, persoas desasistidas que onte eran cidadáns traballadores.
A candidata Yolanda Díaz indicou que “a alarma social esténdese cando falamos de fame física, do limiar da pobreza e de rendas familiares dramáticas. O desenvolvemento normativo é unha obrigada resposta para frear a miseria e a negación de dignidade.” Alternativa Galega de Esquerda presentará a proposta de lei na súa entrada no Parlamento Galego e confía no compromiso da sociedade para sacala adiante.