Manolo Peña-Rey fixo unha introdución ao debate sobre os límites do crecemento, un tema que comezou a tomar forza a principios dos anos 70 coas aportacións, entre outros, do informe Meadows e de grandes economistas como Georgescu-Roegen. Destacou que pese ao escaso interese que lle veñen prestando ao problema os políticos, economistas e medios de comunicación, os datos científicos xa non deixan marxe para a dúbida: dende os anos 80 o noso consumo de recursos e a nosa emisión de residuos superan, con moito, a biocapacidade de rexeneración do planeta; unha realidade que esixe actuar de inmediato.
Pola súa parte, Juanjo Guirado falou da importancia dos límites da dispoñibilidade de enerxía en todalas civilizacións humanas. Explicou que os cambios tecnolóxicos e de modo de producción non son máis que “fuxidas cara a diante” intentando superar os rendementos decrecentes. O capitalismo é ata agora a última etapa de desenvolvemento das sociedades humanas na súa loita por superar eses rendementos decrecentes. Esta fase toca a súa fin. Os límites están aquí mesmo. Fronte a esta situación, xa non son viables as saídas baseadas na intensificación (límites termodinámicos das solucións tecnolóxicas, e límites humanos da explotación laboral) nin na expansión (límites planetarios). As saídas son necesariamente anticapitalistas, cooperativas e decrecentistas.
Tanto nas conclusións finais das dúas aportacións, como no posterior debate no que participaron os asistentes, quedou claro que resulta vital afrontar o problema da insustentabilidade do noso sistema produtivo e a necesidade do decrecemento de recursos materiais e enerxéticos. A proposta máis viable neste momento para superar a progresiva deterioración do sistema non é outra que o socialismo. As solucións non van xurdir do que Guirado define como “buenismo”, meras saídas individuais e, por forza, ineficaces. Cómpre reforzar política e socialmente a idea do público e da cooperación, asumindo as responsabilidades de forma colectiva, único xeito de poder artellar un cambio de modelo radical e cada vez máis urxente.