Barrio da Magdalena

Para o grupo municipal de EU xa é un feito evidente que o Partido Popular pretende gobernar a cidade dende a poltrona, sen facer máis achegamento á cidadanía que ese ficticio plan de barrios, segundo Javier Galán, un “revival” do dereitismo rancio que inauguraba encoros en branco e negro, un renovado No-Do en cor nos barrios de Ferrol. Ese plan de barrios non ten credibilidade algunha, é unha impostura que xa comezan a denunciar as asociacións veciñais: é un plan baseado en baldeos e reparación de fochas de rutina por unha banda, e manipulación do plan Urban pola outra, para que un proxecto europeo pareza unha iniciativa de goberno municipal, con fins electoralistas.

No mes de agosto a Aula de ecoloxía urbana, deu traslado dun proxecto para crear unha supermazá peonil no barrio da Magdalena, encargo do goberno municipal e aspiración de todos os partidos que pasaron polo edificio de Armas. Independentemente de que corremos o risco de repetir os mesmos erros de redundancia e malgasto da Praza de España, xa que logo é un novo proxecto desbotando os anteriores, no que podemos concordar con todos os grupos é en que é unha aspiración para mellorar á cidade, que, se ben cun prisma ben distinto do PP, que mira máis o negocio que o benestar,  transformará definitivamente o centro de Ferrol.

A veciñanza afectada non coñece ese plan. É, segundo Javier Galán, isto é un insulto, e non só á cidadanía do barrio da Magdalena, senón a todos os veciños e veciñas de Ferrol. Un proxecto de envergadura, orzamentado no devandito proxecto en nove millóns de euros, que suporá a construción de aparcadoiros e peche de rúas ao tráfico rodado debe ser debatido, posto en común no Consello da Veciñanza e, de aí, extraer conclusións conxuntas, e esa é a tarefa principal do goberno, que irresponsablemente está a incumprir. Secuestran o proxecto e a única medida que toma, precipitada e sen contar con ninguén, é pechar tres rúas por tramos con vallas de obra en función de intereses particulares e favores a afíns, provocando controversia e confusión xeneralizada.

Para Suso Basterrechea, o goberno está detrás desta eiva nas canles de comunicación necesarias entre administración e cidadáns, que non son tidos en conta en ningunha das grandes decisións que nos afectan.

 

Javier Galán esixe a inmediata convocatoria do Consello da Veciñanza, organismo regulamentado e o único lexitimado para acordar medidas de envergadura para á cidade, xa que é o único que pode facilitar a participación real dos veciños e veciñas, máis que os paseíños do alcalde con catro amigos polas rúas de Ferrol, unha exposición pública baleira de contido. Un goberno debe ser rigoroso e este xa demostrou que non o é. Co 34% do paro o alcalde manifesta sen rubor que o obxectivo primordial do seu goberno é o urbanismo.  Para nós, o obxectivo primordial como forza política é, en tempos de emerxencia social, xustificar e compartir coa veciñanza os obxectivos de cada euro público que se invista na cidade, para atopar a solución máis adecuada aos problemas que arrasan Ferrol e o seu tecido social e industrial.

Relacionados