Esquerda Unida require do Goberno que practique un tratamento igualitario das necesidades dos barrios da nosa cidade, e que ese tratamento non se faga ao xeito actual, por abaixo, ignorando e rexeitando as demandas da veciñanza. Queremos que se respecten as formas democráticas e logo se resolva, non que se atrincheiren no concello e na inacción.
O Goberno Municipal ten que escoitar e responder ás demandas veciñais, sexan sobre o local social ou sobre a urbanización das rúas Basanta e Espiño. Terá que dicir si ou non, e actuar en consecuencia, pero non quedarse parado sen facer nada. Non pode dar a calada e agochada por toda contestación, porque supón un comportamento antidemocrático intolerable para cargos públicos que cobran un soldo pagado con cargo á cidadanía.
Esquerda Unida demándalle ao Goberno Municipal que reaccione e asuma dunha vez os gastos de mantemento do local social do barrio consonte acordouse na comisión polos Grupos Municipais. Semella este Goberno non ser quen de executar aqueles acordos que non lle gustan aínda que fosen aprobados. Outra vez, o PP, amosa as súas eivas en materia de democracia.
Basanta e Espiño é outro fito que resta pendente e que a nosa organización considera inexcusable abordar neste orzamento.