O Grupo Municipal de Esquerda Unida – Os Verdes denuncia que o 43% das solicitudes das bolsas comedor foron denegadas polo Concello. Dos preto de 1100 alumnos para que as familias coruñesas solicitaron acceso á bolsa de becas, 459 quedaron excluídos do acceso á axuda. Na meirande parte dos casos as solicitudes foron denegadas por falta de documentación, non por estar censados fora da cidade como informou dende o goberno local pois so detectamos dous casos nas listas definitivas publicadas hoxe. Así é máis que posible que, a través da figura da “situación sobrevenida”, a cantidade de bolsas necesarias chegue a ser moito maior durante este curso.
Esquerda Unida insta ao goberno municipal a axilizar os trámites burocráticos das becas comedor e aumentar a partida económica de 550.000 € e así facilitar o incremento de prazas en previsión da subsanación dos defectos das solicitudes denegadas e de novas solicitudes. O incremento do 12,6% de bolsas comedor contemplado polo Concello podería resultar escaso de manterse o ritmo ascendente de demandantes. Esquerda Unida pulará para que se faciliten os trámites burocráticos coa intención de facilitar o acceso ás axudas ás familias coruñesas, para que non existan listas de espera e para que nos próximos meses se axilice os trámites para as familias que precisen deste servizo ao longo do ano escolar.
O voceiro de EU-V, César Santiso, declarou que “moitas familias perderon a axuda polas dificultades burocráticas da solicitude, demandamos ao goberno local que optimice os recursos para facilitar o cumprimento das instancias e a entrega de documentación”.