O Goberno Municipal tentou agochar esta decisión no medio dunha morea de decretos que onte se levaban o Pleno, nun evidente exercicio de obscurantismo e falla de transparencia.
Yolanda Díaz sinala esta situación inaceptable pola cal, e situados como estamos nun contexto de recortes e de insuficiencia dos orzamentos públicos, o PP, a dereita política decide aceptar como boas as condicións de pagamento das becas escolares nos centros privados da cidade cuns custes superiores ás que se sufragan nos centros públicos.
Se polo xantar abóase nos centros públicos 3,74 euros con IVE, o PP acepta pagar con diñeiro público xantares a 4,50 euros para os centros privados seguintes: CPR Belén, CPR San Rosendo, CPR La Salle, CPR Xesús mestre e CPR Lestonnac; cifras que aínda se incrementan máis no caso do CPR Compañía de María, con comedor propio ao que se lle aboa 4,75 euros. Cantidades que exceden nun 20,32% ou incluso até o 27% as aboadas para as becas dos centros públicos. Desta maneira a ampliación aos centros privados das becas de comedor adquire o seu verdadeiro sentido, o de privilexiar o ensino privado respecto do público.
“Discriminación e despilfarro son os adxectivos para cualificar esta decisión do PP, agochada nun mar de decretos que descubriu Esquerda Unida no Pleno de onte,” sinala Yolanda Díaz.
Esquerda Unida demanda o pagamento dun prezo unitario nas becas de comedor e que baixo ningún concepto o custo destas exceda o acordado para os centros de ensino públicos, que constitúen a referencia deste servizo complementario no eido educativo.
A nosa organización subliña que estas discriminacións estaban contidas in nuce na proposta do PP de ampliar as becas de comedor aos centros privados, toda vez que o Partido Popular expresa os intereses da patronal privada de ensino.
A fortiori a nosa organización formúlalle ao Goberno Municipal a demanda de que acorde co goberno da Xunta de Galicia o traspaso dos comedores escolares, de xeito que o Goberno autonómico asuma esta competencia segundo se contempla no decreto correspondente para o vindeiro curso escolar 2012-2013. Se trata de que a Xunta asuma a responsabilidade que lle corresponde neste eido.