Billete único progresivo

A Coruña precisa realizar un cambio profundo en materia de mobilidade para dar resposta ao caos de tráfico existente e ás melloras das condicións do seu transporte público, aspectos ambos imprescindibles para a consecución dun dereito á mobilidade efectivo. Por este motivo, o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes aposta por unha fórmula para o pago do autobús baseada na progresividade en función da renda da unidade familiar, co que se promove unha maior equidade social. Non cabe dúbida é que as políticas de mobilidade serven coma un importante instrumento para facer posible unha cidade máis integrada, incorporando ferramentas que poden permitir unha maior cohesión social.

Un recente estudo da FACUA sinala que o transporte subiu en todo o estado español, o que levou a unha media de 1,21 € por billete e viaxe. Coruña supera en 6 céntimos esa cantidade: o prezo do billete subiu case un 6% dende o ano 2012. Ademais o prezo por 10 viaxes coa tarxeta Milennium sube aínda máis, case un 10% respecto do ano anterior, o que representa unha das subas máis elevadas de todo o Estado Español segundo este estudo. Esta situación, que só sirve para mellorar as marxes de beneficio da Compañía de Tranvías, repercute negativamente na capacidade adquisitiva das familias de menor renda, que son as que máis empregan este tipo de transporte para a súa mobilidade urbana, xa que logo, Esquerda Unida propón a implantación do billete único progresivo como elemento de cohesión social e promoción do uso do transportarte público colectivo. A proposta consiste en establecer unha tarifa inicial diaria en función da renda familiar que o usuario pagaría no primeiro viaxe, para posteriormente pagar tan so un 10% da dita tarifa en cada transbordo ao longo do día.

O voceiro de EU-V, César Santiso indicou que “nos non incumpriremos o que levamos no noso programa electoral como o PP, nin propoñemos o que non fixemos antes como o PSOE, demostraremos a nosa coherencia cando gobernemos”. Semella fundamental fomentar un transporte público colectivo de calidade, eficiente e económico para que a cidadanía faga un uso masivo del, sen que isto implique seguir a lle outorgar beneficios á empresa concesionaria”. O concello debera tomar exemplo doutras cidades españolas, onde o transporte público é gratuíto para as persoas desempregadas de longa duración, pero non en base de outorgar subvencións millonarias a concesionaria senón a través dunha negociación en base ao incremento do número de viaxes e a conseguinte redución do custo por viaxeiro para a empresa.

Relacionados