Blindaxe de contratos

Esquerda Unida denuncia que o goberno municipal hipoteca A Coruña, proxectando a meirande parte das súas obras máis aló do seu mandato. Con esta medida non só estenden no tempo as incomodidades xeradas normalmente por obras deste tipo, senón que haberá que ir máis alá para comprender a motivación deste insensato xeito de proxectar melloras de rehabilitación en vivenda, infraestrutura pública ou alumeado, por poñer tan só algúns exemplos, independentemente da súa maior ou menor urxencia algo que, por norma, xa denunciamos que o PP só emprega para evitar os contratos por libre concorrencia.

O Grupo Municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera esta actuación como unha triquiñuela do PP que pretende que o novo executivo que emane das urnas en maio de 2015 teña como herdanza preto de 15 millóns comprometidos en ladrillo e formigón. A falla de previsión e a escaseza de miras son contrarrestadas con proxeccións eternas que pretenden das a sensación de que o goberno popular está sempre moi pendente da cidade.

Por outra, o voceiro de EU-V, César Santiso, afirma que “con esta manobra o concello só busca blindar os contratos das súas empresas amigas para cando saían de María Pita”. Se a lóxica suxire que por exemplo, si se considera como prioritaria a rehabilitación de vivendas ou a rehabilitación en infraestrutura dos barrios, o seu sería concluír o antes posible, dado que afecta directamente ás persoas que alí viven e ao seu goce. Pero non, para o Sr. Negreira o prioritario é o Tunel do Parrote, que ten máis “caché” que unha pequena praza ou unha das tantas rúas deterioradas que atopamos nos nosos barrios.

Relacionados