Bochornosas declaracións de Silvia Longueira sobre as touradas

 

 

Esquerda Unida considera bochornosas e ridículas as declaracións da concelleira membro do consello de administración do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) quen utilizou a demagoxia para defender un espectáculo triste e patético que apenas ten seguidores na nosa cidade. Para EU a concelleira equiparou as touradas co dereito e necesidade de alimentación da raza humana, no que constitúe un pobre argumento que se cae polo seu propio peso.

   

O consello comarcal de EU Coruña rexeita a subvención as touradas aprobada polo IMCE, que está a dilapidar fondos públicos para actividades minoritarias mediante a subvención a unha empresa privada. A nosa organización considera inaceptábel que se poida considerar a tortura e morte de animais como forma de diversión, aínda que respondan a unha tradición enraizada dende fai séculos.

 

Esquerda Unida considera indignante que o Concello da Coruña dedique 128.500 € nas touradas, cando no 2010 acudiron menos de 12.000 espectadores, o que supón menos do 0,5% da asistencia total aos eventos das festas de María Pita.

 

Asemade, a concelleira tamén alegou que “la orden del alcalde es más que suficiente” evidenciando unha alarmante falta de democracia interna dentro do seu partido.

 

Para César Santiso, coordinador comarcal de EU, “a argumentación esgrimida por Silvia Longueira, ademais de desacreditala, deixa ao descuberto a falta de democracia interna no PSOE Coruñés”. César Santiso indicou que “agora entendo o divorcio da veciñanza co Goberno municipal e a súa falta de capacidade para artellar políticas de participación cidadá, semella que funcionan polo ordeno e mando tan característico da segunda metade do século pasado”.

 

Finalmente Santiso declarou que “Nestes tempos de crise, co 10% dos coruñeses e coruñesas en risco de exclusión social, semella inmoral investir cartos públicos en eventos minoritarios, que ademais son crueis cos animais”.

 

Relacionados