A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, apoia a decisión da Confederación Galega de ANPA de Centros Públicos (CONFAPA Galicia) que estes días fixo un chamamento ás familias para que non envíen aos nenos e nenas ao colexio na data das avaliacións de 3º de Primaria previstas para este curso, onde máis de 22.000 nenos e nenas están chamados a participar.
Dende Esquerda Unida queremos manifestar a noso pleno apoio ás familias que non queren someter aos seus fillos e fillas a un proceso evaluador que non ten ningunha finalidade educativa de mellorar a aprendizaxe, senón só ten unha vontade de segregación. Neste senso, criticamos o carácter centralizador e de control destas reválidas, que supoñen un profundo desprezo ao labor dos mestres e mestras e mina a confianza que ten a sociedade no traballo e a capacidade de avaliación destes profesionais. Máis polo miúdo, a reforma redefine o sentido da educación ao redor dos resultados, mantendo nun segundo plano o coñecemento profundo das materias.
Educar por e para unha sociedade máis xusta
A aposta de Esquerda Unida, en cambio, pasa por apoiar unha educación en condicións de igualdade e democracia, laica, dirixida a unha sociedade xusta e feita por e para a cidadanía crítica. Ademais, sabemos que toda a comunidade que vive nun concello participa da dimensión educadora, por iso propoñemos a elaboración de Plans de diagnósticos e seguimento permanente dos problemas e logros da educación pública para acometer novas melloras. Entre estas, a apertura dos comedores escolares durante as vacacións, así como o desenvolvemento de actividades lúdicas e pedagóxicas no verán, xa que partimos da base de que non hai ningunha xustificación para que haxa nenos e nenas en España que non reciban unha alimentación adecuada.