Brutal ataque da UE ao naval

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través da súa viceportavoz Yolanda Díaz, cualifica de “brutalidade” o ataque final que a Unión Europea vén de facer efectivo ao esixir a devolución do tax lease desde 2007. “Esta decisión dos comisarios europeos supón unha barbarie”, expón indignada Díaz, “que aboca ao desemprego a milleiros e milleiros de traballadores galegos”. Mentres os poderes europeos, que non responden á soberanía popular, esixen aos estaleiros galegos o importe das subvencións non fan o mesmo cos millóns de euros a fondo perdido destinados á banca especulativa.

“Europa está cargando contra un sector que en España non é estratéxico, pero que en Galicia si”, afirma Díaz, “e os sectores económicos estratéxicos deben estar sempre en mans públicas”. Esta medida, anunciada polo denominado comisario europeo da competencia Joaquín Almunia, volve por sobre a mesa a construción antisocial, anti persoas, da Unión Europea.

Para Alternativa, tampouco é de recibo a actitude do señor Núñez, o presidente da Xunta máis inactiva da historia da autonomía. “Quere agochar a súa inutilidade”, explicou a viceportavoz do grupo parlamentario, “na devolución do tax lease. Di que iso dificulta os acordos con Pémex. Acordos pantasmas, unha mentira máis deste gran embusteiro”. Feijóo láiase de que os construtores galegos de barcos non teñan carga de traballo, pero o certo é que os estaleiros de toda Europa si teñen carga de traballo. “O que ten que facer Núñez é traballar con Rajoy, o presidente do financiamento ilegal, para se arrepoñer aos ditados da Unión Europea”, conclúe Yolanda Díaz, quen advirte que AGE continuará en combate por un futuro digno para o naval galego.

Relacionados