Bunkering

O liberalismo é así. Sostén un modo de producción realmente eficiente para o obxectivo final marcado: acumulación de capital mediante concurrencia competitiva. O que , en definitiva, significa que todo ten que ser rentable e a rentabilidade é a máxima; a lei debe permitir que actuemos consonte a máxima. Mesmo se para iso as máis das veces cómpre facer dos espazos naturais mercancías e acabar por converter un parque natural en temático, retellar a cidade da cultura a base de que desaparezan montes enteiros (mentras se pechan fábricas de pedra artificial) ou ,no caso que agora nos ocupa,  facer avanzar paseniña pero inexorablemente a idea, xa iniciada hai unha década, de transformar unha ría e mesmo o ártabro golfo enteiro nun inmenso porto industrial. Xa non é que se aloxe no espazo natural apropiado o porto senón que , Reganosa aquí e recheo alá, o espazo é en si mesmo  o porto. Todo pola competitividade interportuaria que é a máxima resultante da privatización  ,tantas veces alabada, e da que se nos esquecen as consecuencias non desexadas. Todo porque se admite como norma regulativa a xestión privada dos portos. Todo iso pertence ao liberalismo que ten dono e está moi ben consensuado.

Para Esquerda Unida a única maneira consecuente de parar o despropósito do avituallamento de combustible en buques fondeados consiste en facer imposible- legalmente imposible- que unha Autoridade Portuaria, por moita autoridade que sexa ,  poida poñer como obxectivo para a captación de tráficos o favorecemento dos prezos de combustible… a calquera prezo. Teñen razón os que dende as confraría de pescadores advirten que medidas así poden matar a ría. O problema é que é perfectamente legal polo que non chega só con pedir a retificación da medida da autoridade portuaria  e reclamar ás autoridade locais que velen  polo interés xeral, a preservación do medio e demais. Hai que esixir, ademáis do anterior, a paralización do proceso de privatización dos portos indicando claramente que  de non facerse o que hoxe observamos e caracterizamos como un erro das nosas autoridade portuarias será norma xeral no futuro para todas as autoridades e todos os portos, obrigados  ,aquí como en todas partes, a facer mover incesantemente a roda.

Relacionados