Esquerda Unida alerta de que o goberno municipal prevé unha caída da economía local e da capacidade adquisitiva da cidadanía. Os orzamentos municipais para o 2014 prevé unha redución de ingresos de preto do 1% en relación ao exercicio 2013 no Imposto de Actividades Económicas, dato do que se fai eco a intervención municipal no seu informe que tamén reflicte a redución prevista nas as previsións de ingreso do Imposto de Incrementos de Valor por Transferencias de Natureza Urbana. Segundo o Interventor mesmo non se pode asegurar e garantir a viabilidade dos ingresos previstos por estes impostos que son, sen dúbida, os máis afectados pola actual situación económica. As expectativas en canto a licencias de apertura de novas actividades amosan unha caída moito máis severa pois o goberno local prevé unha descenso do 12,5% en relación co exercicio 2013.
O Grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes denuncia que a previsión de ingresos para 2014 demostra que Negreira non cre no anuncio do “fin da recesión” feito polo Goberno de España. Hai que sinalar especialmente as caídas prevista dos ingresos sobre a renda. Á caída do 7,82% dos devanditos ingresos entre os anos 2012 e 2013, súmase unha nova caída do 2,56% entre o 2013 e 2014. Isto vén significar que o goberno espera unha nova caída de renda dos cidadáns no ano 2014 e que as declaracións en sentido contrario son, simplemente, mentira. Do resto da participación en impostos estatais, ligados á actividade económica, vemos valores negativos en todos menos no referente ao IVE. En canto á diminución dos ingresos dos subconceptos hidrocarburos e produtos intermedios sí que indican unha previsión da caída pronunciada da actividade industrial e comercial que o goberno da nación non recoñece.
O voceiro de EU-V, César Santiso, sinala que “quen fala de crecemento cando as súas verdadeiras previsións son as contrarias debería ser removido de calquera cargo público por promocionar a cultura da mentira. A burbulla inmobiliaria foi unha consecuencia de que os distintos gobernos, tanto do PSOE como do PP, coñecendo a existencia do problema o negaron enganando vilmente a poboación, condenando o futuro da poboación. Como sociedade debemos dicir nunca máis á cultura da mentira”.