O grupo presentou un escrito hoxe no que anuncia a nosa participación na procura de defender o sistema público de pensións e acadar a retirada da contrarreforma laboral
O Grupo Municipal de Esquerda Unida presentou un escrito no Rexistro Xeral do concello no que solicita o cambio de datas do vindeiro Pleno ordinario e das comisións informativas e outras reunións que poida haber no concello, como consecuencia da súa coincidencia coa convocatoria de folga xeral no noso país para o día 27 de xaneiro.
A petición efectuada por escrito polo Grupo Municipal tenta que dende o Goberno Municipal, co cambio desa data, se respecte o exercicio dun dereito fundamental, o de folga, nun intre onde se formula polo Goberno do Estado e coa anuencia silenciosa do PP, o recorte do noso sistema público de pensións, dentro dunha secuencia ininterrumpida de ataques antisociais.
Esquerda Unida fai súa a convocatoria de folga xeral do día 27 de xaneiro diante da xeira de agresións contra a maioría social traballadora do país e do conxunto do Estado. Coidamos necesario respostar con esta mobilización xeral para amosar a determinación da clase traballadora na defensa das conquistas sociais que os ditados do gran capital e a obediencia a eles do Goberno Central poñen – con estas políticas de recortes – en grave perigo.