Cambio modelo produtivo

 

Na Coruña temos 21.395 persoas desempregadas, e dicir 21.395 dramas persoais e familiares. Concretamente, dende a chegada do novo Goberno municipal o desemprego incrementouse nun 7%.

 

Son especialmente indicativos os datos de desemprego no sector industria, que dende a chegada do PP ao Goberno municipal incrementouse un 7,39%, case tanto como no sector construción onde creceu un 8,55%, e mais que no resto de actividades.

 

Xa que logo, Esquerda Unida considera que a evolución do desemprego na Coruña amosa unha alarmante destrución do tecido produtivo, o que corrobora os datos sobre a redución de empresas no censo municipal do Imposto de Actividade Económicas.

 

Os datos amosan con claridade que o noso tecido produtivo local atópase nun estado moi delicado e necesita do apoio do Concello para comezar unha dura tarefa de rexeneración. As nosas empresas necesitan reinventarse para dar un xiro de 180º e atopar novas técnicas produtivas e novos nichos de mercado que lles permita incrementar a súa competitividade, esquivando así a enorme depresión que vive a economía mundial e de maneira moi especial a española.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes preguntará no Pleno ao Goberno municipal si non considera necesario promover o cambio do modelo produtivo dende o propio Concello. Concretamente:

 

Non considera o Goberno municipal que é necesario promover o cambio do modelo produtivo local e que neste sentido o Concello, como a institución máis próxima, ten moito que achegar?

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “acábasenos o tempo para reaccionar, si non actuamos de inmediato, corremos o risco de causar danos irreparábeis na nosa economía local que lastrarían o crecemento da Coruña durante décadas”.

Relacionados