eu.gif - 5.78 Kb

Candidata á Xunta de Galicia

O Consello Nacional de Esquerda Unida, reunido en Compostela, o sábado 14 de xullo, data do calendario revolucionario que lembra a toma da Bastilla e o comezo do fin do Ántigo Réxime, confirmou  a alianza política de Esquerda Unida e os Verdes para constituír un referente político alternativo para esa cidadanía crítica que arela o desenvolvemento doutra política.

Tras varios meses de traballo, Esquerda Unida aprobou de xeito inicial o seu programa político de esquerdas para as vindeiras eleccións autonómicas. Logo desta elaboración resta aínda un proceso cargado de traballo participado, porque este texto base de medidas alternativas en materia de emprego, igualdade, autogoberno e sustentabilidade vaise traballar cunha manchea de entidades sociais de diversos eidos, ecoloxistas, feministas, sindicatos de clase, etc., para logo volver as asembleas de base que darán a última forma a unha proposta de transformación social.

Ao remate do Consello, xa nas horas que corresponden ao xantar, foi proclamada de xeito unánime como primeira candidata á presidencia da Xunta de Galicia, a avogada Yolanda Díaz Pérez, que confirmou  a determinación de ESQUERDA UNIDA – OS VERDES para contribuír á derrota do PP e das políticas de recortes, mediante un traballo arreo que encha o país de propostas distintas e radicais e cunha presenza no Parlamento dunha voz nova e pegada os problemas da xente.

“Loita, participación e unidade, reclamounas Yolanda Díaz, para erguer unha alianza política e social  que poña fin os recortes, o paro, a resignación e o medo social. “ Sen participación non haberá posibilidade de cambiar este país e animou a xente nova, a que ten no seu cerebro a ousadía da rebeldía , a participaren nas loitas e mobilizacións que veñen, porque nesas rúas está a agromar a derrota do PP, e das políticas de dereitas.

Honradez na acción pública, fin dos recortes, protagonismo do sector público e da economía social para crear emprego estable e con dereitos, progresiva transformación dos modos de vida, produción e consumo cara a un decrecemento sustentable e ampliación do autogoberno nacional no marco dunha República Federal, foron algúns dos elementos centrais da alianza política de EU- OS VERDES.

O exército de ocupación bancario que dita os recortes e impón o medo e a pobreza na nosa sociedade será derrotado se liberamos as rúas e temos a ousadía de fraguar unha unidade de todas as forzas políticas e sociais de esquerdas encol dun programa alternativo de esquerdas.

 

Relacionados