CANDO AS CONSECUENCIAS DO QUECEMENTO GLOBAL SE XUNTAN COA NEGLIXENCIA POLÍTICA

A nova vaga de lumes que está a asolar estes días distintos puntos de España non ven máis que a confirmar a previsión xa exposta vai tempo pola comunidade científica de que  ao aumento das temperaturas aumenta tamén o risco de incendios e a perigosidade e virulencia dos mesmos. Ante esta evidencia científica, o feito de que as distintas administracións, principalmente as autonómicas por ser as competentes en materia de incendios, non fagan nada, non pode cualificarse de outra cousa que de neglixencia política.

O aumento da temperatura global, por moito que se fagan esforzos reais ou supostos para reducir a emisión de gases de efecto invernadeiro, algo necesario pero difícil de levar a cabo dado o carácter anárquico do sistema de produción e consumo capitalista é xa un feito inevitable e ao que nos temos que adaptar. Algo que non se está a facer en absoluto.

Recoñecemos que a existencia de incendios forestais é inevitable, pero o feito é que as políticas forestais das distintas comunidades autónomas, incluída a Galega, en nada mudaron ata o punto de que nin sequera se cumpren as distintas medidas contempladas na lexislación en materia de prevención e recuperación. Como mostra o feito de que despois da destrutiva vaga de lumes de 2025, a aplicación das medidas contempladas no Artigo 49 da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, tales coma actuacións para a conservación dos ecosistemas naturais, dos recursos forestais, hídricos e do solo e en medidas destinadas á rexeneración dos terreos, foi practicamente inexistente.

Por outra banda, aínda que  o orzamento do Pladiga (Plan de defensa e prevención contra os incendios forestais de Galicia) aumentou neste 2026 un 18%, ata 213 millóns, o propio plan contempla un obxectivo máximo de superficie queimada para este 2026 de 29.207,4 hectáreas, 10.000 máis que no plan anterior. O feito é que aparte deste incremento orzamentario e dun aumento de contratacións de brigadistas nas épocas de máximo risco, nada mudou cualitativamente na xestión dos montes e da loita contra lumes en Galicia.

As medidas que deberían estar tomando as administracións son plenamente coñecidas e existen informes ao respecto. Entre elas están a limitación real das especies pirófitas, a recuperación do bosque autóctono ou a promoción da gandería extensiva, pero nin a Xunta de Galicia nin outras comunidades a maiores gobernadas nalgúns casos por negacionistas do quecemento global nada levan feito ao respecto.

Por outra banda, outra das causas do incremento dos incendios forestais está no abandono do rural. Un abandono que non é casual, se non provocado pola baixa rendibilidade do traballo no campo e a falta de medidas públicas que contrarresten esa situación. Unha mostra máis de como deixar o sistema produtivo nas mans do mercado leva invariablemente ao desastre.

Ás cuestións relativas á prevención hai que engadirlles as que teñen que ver co propio servizo de extinción de incendios. En Galicia (como no resto do estado) boa parte do servizo está privatizado e convertido nun bo negocio para as empresas adicadas á extinción. Ao mesmo tempo as condicións laborais das e dos traballadores que se encargan da extinción dos lumes son precarias e mesmo en plena vaga de incendios do verán pasado, 190 prazas estaban sen cubrir.

A estabilidade laboral do persoal brigadista, de xeito que poida realizar labores de prevención durante todo o ano é outra das medidas reclamadas dende hai moitos anos e desoídas por parte da Xunta. O primeiro paso nesa liña sería a xestión integramente pública do servizo de extinción dos incendios forestais, algo que serviría tamén para eliminar os posibles intereses de lucro privado arredor da extinción dos incendios forestais.

Relacionados