Canon do lixo

Esta nova clasificación decidida pola Xunta de Galicia, que lle permitiu máis de 11 millóns de euros extras nos dous últimos anos, foi recorrida xudicialmente polo goberno do Estado

AGE considera un descaro intolerable responsabilizar aos concellos da sba da taxa do lixo xa que o plan de viabilidade de Sogama e suba do canon foron decisións de Feijóo e Rajoy

Alternativa Galega de Esquerda denuncia a manobra do señor Núñez Feijóo, o goberno da Xunta e a propia Sogama que están a silenciar a razón principal das medidas contidas no proxecto de lei de Orzamentos e que benefician a Sogama  cun brutal incremento do 33,5 por cento no canon, así como a compensación obrigatoria das débedas dos concellos na achega da Xunta a ditos concellos. Dita razón non é outra que a previsión da empresa de ter que devolver os 11 millóns de euros que Sogama cobrou de máis por primas á produción eléctrica polo cambio da clasificación termoeléctrica decidida polo goberno do PP en agosto do 2011 (1). O cambio de clasificación foi recorrido xudicialmente polo goberno do Estado e a propia Sogama, no informe de xestión das contas do 2012, recoñecía que dito recurso era a “principal incerteza á que se enfronta a sociedade nos próximos anos”, motivo  que xunto á modificación do réxime retributivo dos sistema eléctrico acordada polo PP no Estado no 2012 e 2013 son os que xustifican a elaboración do Plan de viabilidade económico-financieiro do planta e a suba do canon (2).

Alternativa Galega de Esqueda asegura que o goberno da Xunta non pode descoñecer tal análise de Sogama cando as contas e o informe de xestión foron asinadas, entre outros, polo actual Director Xeral de Industria, Angel Bernardo Tahoces (3), o que precisamente resolveu autorizar o cambio de clasificación da planta en agosto do 2011,  e foron aprobadas o pasado 25 de xuño pola representante da Xunta (propietaria do 51 por cento do capital), Rosa Pedrosa Pedrosa, secretaria xeral de patrimonio da Consellería de Facenda (achégase as contas consolidadas de Sogama do exercicio 2012)

En consecuencia, as dúas razóns da suba do canon son decisións do Partido Popular. A primeira, a modificación da clasificación termoeléctrica da planta de Cerceda (decisión de Feijóo en agosto de 2011) e os cambios do réxime retributivo do sistema eléctrico (decisión de Rajoy no 2012 e 2013). No primeiro caso o impacto económico da medida sería de 11 millóns de euros (só polos exercicios 2012 e 2013) e no segundo caso, moito menor, xa que Sogama só agarda unha redución de  5,794 millóns, moi inferior ao incremento de recadación polo canon de tratamento (4).

O deputado de Alternativa Galega de Esqueda, Antón Sánchez, asegura que “as únicas razóns para a suba do canon de Sogama e para a posterior suba da taxa de recollida do lixo son decisións dos gobernos do PP, tanto de Feijóo como de Rajoy e pretender responsabilizar aos concellos do aumento da carga tributaria á cidadanía é unha descaro intolerable”.

Relacionados