Cara a converxencia

Para EU as eleccións europeas preséntanse nun contexto de crise na que a cidadanía está a ser sometida a unhas políticas de extrema agresividade neoliberal, o noso día a día decídese en Bruxelas. Ante estas agresións, Esquerda Unida fai un chamamento a toda a esquerda do país a converxer nunha fronte ampla e plural contra a troika, afirma o secretario de organización de EU, Rubén Pérez, considerando que “a converxencia política da esquerda será quen lidere o cambio cara unha Europa social”.

Baixo esta premisa o secretario de organización de EU, deu traslado dun escrito á secretaría de organización do BNG para manter unha xuntanza e artellar un espazo común e de diálogo sobre dita converxencia.

A coordinadora nacional de EU e vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, manifesta que “atopámonos nun momento de emerxencia, estamos secuestrados polas políticas da troika e sen soberanía. É obriga destas forzas políticas estar á altura das circunstancias. Nesta Europa que exclúe ás persoas, non somos máis que un protectorado alemán, privado de toda soberanía”, Yolanda Díaz puntualiza que “o 80% das decisións que se toman sobre as políticas tanto galegas como estatais se deciden no norte do imperio”.

Por todo isto dende Esquerda Unida, a ruta a seguir para mudar Europa pasa pola confluencia das forzas políticas de esquerdas, cun acordo de mínimos, cun eixo programático común, e con toda a vontade posible.

Relacionados