Cara unha Syriza galega

Iniciou a rolda de prensa César Santiso quen indicou que Esquerda Unida leva máis de dous anos pulando pola unión da esquerda social e a esquerda política na procura de crear unha fronte de esquerdas que sexa quen de contrarrestar a mensaxe única neoliberal defendida polo PP e acatada polo PSOE, así os dos grandes partidos baixo o discurso de que non hai alternativa están a desmantelar o estado do benestar, facendo pagar a crise ás familias traballadoras.

“Coñecedores da necesidade de reinventar a esquerda política do século XXI para servir de ferramenta a cidadanía, comezamos a converxencia política e social coa Refundación da esquerda, logo participamos activamente nas mesas de converxencia, para proseguir coa convocatoria social para unha alternativa programática que permitiu acadar un programa participativo para as eleccións xerais do 20N, así como unha serie de alianzas políticas que fructificaron nun amplo grupo parlamentar da Esquerda Plural”, subliñou Santiso.

Proseguiu Yolanda Díaz indicando que “nestes tempos de perda de dereitos e acumulación de sacrificios e ante a estafa electoral do Partido Popular, é necesario actuar e pedir contas, xa que logo, Esquerda Unida propón unha Rebelión democrática para que entre todas e todos sometamos ao goberno a un referendo, porque o pobo é quen decide. Referendo ou dimisión”. A política levada a cabo por este goberno do Partido Popular non responde a outra doutrina que a marcada pola troika externa, dos non elixidos polo pobo e pola troika interna encabezada polo ministro de Guindos. España é títere das políticas neoliberais, non hai marxe de manobra se non hai unión entre a clase traballadora. Por iso chamamos á xente crítica e lúcida de esquerdas, a xente que está a sufrir inxustamente toda a batería de recortes que pretenden rematar coa nosa dignidade a sumarse ao Novo Proceso Constituínte que a organización está a levar a cabo.

A coordinadora nacional de Esquerda Unida fixo un chamamento á esquerda galega para confluír na Syriza galega, como resposta ás agresións das políticas neoliberais desenvolvidas por PP PSOE que racharon cos dereitos da maioría social, das e dos traballadores, ante a modificación do art.135 da constitución, onde o déficit é a prioridade, non as persoas. Ante os xa 300.000 desempregados en Galicia, xunto coas preto de 100.000 persoas que carecen de cobertura social, facemos un chamamento á confluencia que aglutine as voces e dea esperanza para crear a alternativa. A candidata á Xunta de Galicia sinalou que “A Syriza galega é imprescindible, a cidadanía esixe ás forzas de esquerdas unidade de acción, por iso apostamos pola elaboración dun programa mínimo común que sume e conflúa nunha fronte contra esta doutrina do shock”.

Xa que logo, Esquerda Unida anuncia o inicio dunha rolda de contactos coa esquerda social e política na procura de sumar forzas.

Relacionados