Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2013.- O abismo cara ao que conducen as políticas da troika aplicadas en Galicia polo Goberno do señor Núñez tamén se sente nos colexios públicos. “A comunidade educativa atópase fondamente preocupada polos problemas económicos que atravesan cada vez máis familias con fillas e fillos escolarizados no ensino público”, explican os deputados de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Ramón Vázquez e Xabier Ron na argumentación da proposición non de lei que esixe da Consellaría de Educación a elaboración dun plan “que detecte carencias nutricionais do alumnado dos colexios públicos”.
O plan, segundo a iniciativa de AGE, debe formularse a partir de incluír items sobre a situación socioeconómica das familias nas entrevista iniciais nas escolas, protocolos de colaboración entre os servizos sociais dos concellos e os servizos de orientación dos centros do ensino ou a realización periódica de enquisas para identificar situacións de risco. “Os propios centros educativos son conscientes de que a comida realizada no centro de ensino constitúe, en moitas ocasións, o principal aporte nutritivo de moitas cativas e cativos”, expoñen Vázquez e Ron, “e en nalgúns casos a única comida do día”.
A emerxencia social en que, de non mudar as políticas suicidas do Partido Popular, se adentra o país fai necesarias “medidas urxentes que detecten carencias nutricionais na poboación escolar”. Alternativa pide, ademais, que a Xunta dote de recursos complementarios aos colexios “onde se detecten estas carencias alimentarias entre os alumnos” e así poidan ofrecer “un servizo de merenda a media mañá e a madia tarde”, a maiores do comedor ordinario.