Carga de traballo para o naval

“En nome dos traballadores do naval, pídolle que se desculpe, que é o que un ten que facer cando non cumpre a súa palabra”. Con estas palabras comezou Yolanda Díaz unha nova, e infrutuosa, sesión de control ao presidente da Xunta. “Vostede fixo campaña electoral e mesmo interrompeu un telexornal da televisión pública galega para asegurar que o naval galego construiría 14 remolcadores e dous buques quimiqueiros”, inquiriu a viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), “así que ¿vai pedir desculpas por mentir e cometer fraude electoral?”.

Co seu habitual cinismo escapista, Feijóo non respondeu á ningunha das cuestións formuladas por AGE e saíu cunha mestura de novos embustes, medias verdades e mostras da súa preceptiva prepotencia e falta de respecto pola oposición parlamentaria. Malia esta actitude despótica, Díaz insistiu e intentou, a maiores, que o presidente da Xunta se pronunciase sobre o plan de axuste de Navantia, que prevé un 50% de despedimentos. Tamén se recibiría ao comité de traballadores do estaleiro ferrolán para explicarlles a razón das mentiras sobre floteis e carga de traballo e sobre a fraude electoral. Non conseguiu máis que o desprezo autoritario e risos burlescos desde as bancadas do PP.

Yolanda Díaz rematou reclamando “carga de traballo para o naval. Pero en serio. Porque nin sequera un ou dous floteis arranxarán o problema do sector”.

Relacionados