Carlos Portomeñe candidato á alcaldía de Lugo

Pola súa banda, o cordinador comarcal Ramón Vázquez destacou que Portomeñe recolleu o número máximo de avais permitido neste proceso de primarias abertas, e que o censo contaba cun 26% de simpatizantes inscritos e rexistrados ata o 21 de xaneiro. Vázquez sinalou a necesidade de abrir un profundo proceso de cambio no Concello de Lugo, imprescindible para mudar a situación dun Concello golpeado polas políticas neoliberais dos diferentes gobernos municipais, sinaladamente o goberno de López Orozco que xa vai cumprir 16 anos. E para elo, sinalou a necesidade de acadar a unidade do espazo rupturista na nosa cidade en base a un programa transformador, subliñouando a candidatura de Carlos Portomeñe como como o candidato elexido nas primarias de EU para a converxencia, ademais de seren o máis axeitado pola súa experiencia e polo seu coñocemento dos problemas reais do municipio.

Portomeñe agradeceu, en primeiro lugar, aos seus compañeiros e compañeiras a súa elección como candidato. Lembrou a súa previsión na noite electoral de 2011 cando adiantou que, a raíz do xurdimento do 15-M en plena campaña, as eleccións locais eran un punto de inflexión onde xa nada sería igual e se aventuraban procesos de cambio profundos nos que a cidadanía ía reclamar cada vez máis o seu protagonismo fronte aos poderes fácticos.

Nese sentido reflexionou sobre a teoría política que establece que a consolidación democrática se produce cando chegan a gobernar as xeracións orixinadas propia democracia, e a contradicción coa realidade lucense, onde se perpetúan as élites políticas do post-franquismo.

Portomeñe analizou o importante espazo electoral do voto crítico e rupturista na cidade, que nas eleccións de autonómicas de 2012 superou o 15%, coa irrupción fundamental de AGE. Un voto que aumentou ao 20% nas eleccións europeas do pasado ano, cando se suma o apio das forzas fundamentais que constitúen este espazo. Xa que logo, Portomeñe chamou unidade e á configuración dunha iniciativa cidadá das organizacións, colectivos e persoas do espazo rupturista para configurar unha Syriza lucense con opcións reais de acadar a maioría electoral, lembrando o efecto multiplicador do que AGE foi un bo exemplo. Afirmou que EU Lugo leva anos traballando pola unidade en base á mobilización social, e meses invertidos para conquerir a unidade electoral para as vindeiras eleccións municipais de maio.

Portomeñe destacou a difícil situación que atravesa o concello de Lugo despois de décadas de gobernos do bipartidismo, e en concreto da necesidade de rematar co goberno megalómano (co MIHL como mellor exemplo), corrupto e antidemocrático de Orozco, a quen responsabilizou directamente dos efectos nefastos da crise económica na nosa cidade pola súa complicidade cos poderes económicos. Unha política moi visible na política do “ladrillo” e na privatización de servizos públicos. Por iso, ironizou parafraseando un eslogan anterior do alcalde, “Orozco está tan tolo de amor por Lugo que non é descartable un idilio de amor con Xaime Castiñeira (PP)” para garantir que o bipartidismo e as élites locais non perden o goberno municipal.

 

O candidato de EU aludiu á necesidade perentoria dun programa transformador e de esquerda para a cidade, porque “a este Concello non se lle poden poñer parches: é necesario un cambio rupturista e radicalmente democrático con base na unidade popular”. Nese sentido, Portomeñe sinalou que foi elexido como candidato de EU para a unidade, e que está disposto e participar en procesos electivos abertos como un candidato máis, sempre que exista unha base programática asumida pola súa organización.

Relacionados