O dito estudo ven a corroborar as nosas sospeitas sobre a incapacidade da vía prioritaria vixiada de igualar a eficiencia da plataforma dedicada para o transporte público colectivo, algo que no día a día os usuarios estannos a confirmar. O estudo tamén confirma que o parking exprés complica o bo funcionamento do bus urbano, como leva tempo denunciando Esquerda Unida.
O grupo municipal de EU-V considera unha actitude pueril e inaceptábel que o Goberno municipal decidise retirar o carril bus a pesares de que o informe técnico aseguraba que non podían cubrirse as frecuencias.
Queda claro con este tipo de medidas que o Goberno local está perdido en materia de mobilidade, un dos grandes problemas da nosa cidade, e agora máis que nunca semella imprescindíbel desenvolver un Plan Integral de Mobilidade Universal e Sostibel (PIMUS) que facilite aos coruñeses e coruñesas reducir a utilización do vehículo privado a motor fomentando medios alternativos de transporte como a bicicleta, asemade de apostar decididamente por un transporte público colectivo económico e de calidade.
Esquerda Unida insta ao Goberno municipal a crear con urxencia o Consello de mobilidade local no que participen os diversos axentes da nosa cidade para desenvolver un PIMUS participado por forzas políticas, movemento veciñal, movemento ecoloxista, sindicatos e empresarios, porque consideramos que a participación cidadá é fundamental para o éxito da execución de calquera plan de mobilidade.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou “unha vez máis o Goberno do PP anticipa intereses partidistas e electoralistas ao benestar dos coruñeses e coruñesas, eliminaron o carril bus a pesares de coñecer que prexudicaba aos usuarios do transporte público colectivo”.
Finalmente Santiso expuxo que “o problema de mobilidade na Coruña non se soluciona con grandes infraestruturas a desenvolver en anos, deixando correr o problema, senón que se necesita vontade e valentía política. En Esquerda Unida a temos, proba de elo é o PIMUS baseado nun transporte público amplo, eficaz e económico que evite a entrada masiva de vehículos particulares mediante a utilización de aparcadoiros disuasorios gratuítos nas principais entradas a cidade, ao tempo que permita reducir considerablemente a utilización dos coches dentro da cidade”.