Carril VAO

Esquerda Unida esixe que se rehabilite o Carril Bus para mellorar a calidade do transporte público e a mobilidade na Coruña. Coa decisión do Ministerio comprobamos como dun xeito indirecto como dende Madrid se lle comunica, vía concesión de recursos económicos, que o que xa existía é o que precisa esta cidade para mellorar a súa mobilidade e a utilización de plataformas dedicadas, porque o VAO constitúe, como acontecía co carril Bus un carril limitado a tan só un determinado tipo de vehículos.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes propón a creación dun aparcadoiro disuasorio a altura do Ofimático conectado mediante buses lanzadeira a través do novo carril para Vehículos de Alta Ocupación que o Ministerio de Fomento planea construír en Alfonso Molina, carril polo que tamén circularía o transporte metropolitano, en consonancia coas reivindicacións do Consorcio As Mariñas que dende EU apoiamos. Con esta actuación evitaríase a entrada diaria de centos de vehículos á cidade, desconxestionando o tráfico.

En todo caso e, aínda que valoramos positivamente a inminente ampliación de Afonso Molina, está non resolverá por si soa o problema da mobilidade, porque os problemas de trafico na cidade non pasan pola mera ampliación das infraestruturas, senón que é necesario promover a redución de vehículos mediante a promoción do transporte público colectivo a través da concienciación e promoción doutros hábitos de vida ligados á mobilidade. O carril VAO poderá servir a esa finalidade, se ben, haberá que adoptar outras medidas que contraresten o inmediato incremento de vehículos en circulación que suporá esta ampliación, como sucede nas grandes urbes americanas, e con elo, maiores problemas medio ambientais, de saúde ou de ruído.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “na vindeira semana a concelleira de mobilidade vai presentar o PMUS; confiamos en que este estudo lle dea algunha idea do que ata o momento supuxo unha pésima xestión da mobilidade da cidade”.

Relacionados