En realidade o Concello está a utilizar un subterfuxio para seguir apoiando un acto cruel cos animais, a través de subvencións encubertas apesares de que en repetidas ocasións o goberno do PP negou de xeito público ningún tipo de subvención.
César Santiso, indicou que “semella un insulto á intelixencia dos coruñeses utilizar a triquiñuela da feira ecuestre para xustificar o acondicionamento do Coliseum para corridas de toros á conta das arcas públicas cando A Coruña as rexeita maioritariamente”. Así o IMCE instalou e engalanou a praza e o patio de cabalos, calexo, recheo de area, burladeiros, etc. con cartos dos coruñeses e coruñesas. Argumento falaz que cae baixo o seu propio peso ao comprobar que a feira taurina celébrase antes da equina.
Esquerda Unida – Os Verdes, apoiou a manifestación antitaurina do sábado 4 de agosto, convocada por Galicia Mellor sen Touradas, quen á súa vez denuncia que varios dos carteis pendurados dos farois da cidade para difundir a manifestación, foron cortados e arrincados.
Galicia Mellor sen Touradas dixo que o goberno local criticou apor unha banda as subvencións que daban os gobernos anteriores mentres este ano fixeron un novo convenio de explotación da feira taurina que incluíu a adaptación e obras no Coliseum de forma gratuíta, é dicir os 35.000 € que custan as obras, máis outros 50.000 € en taxas municipais que non se lle van a cobrar ao empresario taurino, a cesión de forma gratuíta, como o despacho de billetes público da praza de Ourense para a venda de entradas para a feira taurina e ceder o aparcadoiro privado do Coliseum para que os vehículos publicitarios da feira taurina, que están denunciados, por un presunto incumprimento das normas de circulación, non poden aparcar alí… a cesión da banda municipal de música que durante tres días, a ritmo de paso dobre, estivo na feira taurina. Todo isto, puido ter un custo de 90.000 €, sen contar co desmonte da praza de touros, area, madeiras, etc…
Esquerda Unida considera que o goberno municipal debe facer cumprir toda a normativa existente para o uso de mobiliario urbano á empresa adxudicataria da feira taurina, facendo retirar todos os carteis alusivos á mesma.