Casa do Neno

Por tal motivo esiximos ao goberno local do Partido Popular que leve a cabo as xestións necesarias de intermediación coa Consellería de Educación para atopar, o antes posible, unha solución que satisfaga as demandas dos veciños e veciñas afectadas polo inepta xestión da Xunta no relativo o centro concertado coñecido como Casa do Neno.

É inadmisible que, incumprindo coa súa obriga, a Consellería de Educación simplemente recoñeza un erro, e pola súa neglixente actuación 18 nenas e nenos da nosa cidade, se vexan na obriga de seren dispersados por diferentes centros da cidade, en vez de facelo no centro (Colexio de Fontiñas) que as familias consideraban ía ser o do curso que vén en función do acordo de adscrición asinado pola Consellería de Educación..

Cómpre facer todo o posible para garantir o dereito a unha educación pública de calidade integral para garantir a conciliación do traballo e vida persoal destas familias.

É necesario que por unha vez o equipo de goberno de Currás acometa o seu deber, e esixa da Xunta de Galicia en xeral, e do presidente Feijóo en particular unha solución debatida e consensuada coas familias afectas, e por unha vez non deixe que o seu partido político abafe social e economicamente a Santiago, pois esta actuación non é a primeira que claramente prexudica os intereses xerais dos veciños e veciñas.

Cómpre destacar, entre moitas actuación lesivas da Xunta do PP cara a cidadanía de Santiago, a venta dun piso que, con vontade política de servizo público, podíase haber utilizado para prestar un servizo público como, por exemplo, residencia temporal para persoas desafiuzadas ou residencia para persoas universitarias que acrediten a necesidade dun aluguer social para continuar os seus estudos.

E máis recentemente, co amparo do silencio do PP local a esta medida, a Xunta de Galicia acometeu o pérfido ataque ao dereito á saúde das veciñas e veciños, ao levar a cabo o peche dos servizos públicos de valoración de dependencia e discapacidade.

Relacionados