Caso Someso

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes acusa aos gobernos do PSOE presididos por Francisco Vázquez de producir nas arcas municipais un burato superior a 37 millóns de euros, so ata agora no caso Someso. Máis de 18 millóns debido a sentenzas correspondentes, polo de agora, a 11 casos nos que o Concello ten que compensar por adquirir terreos para construír un campo de fútbol e unha estrada que nunca construíu e logo vendeu por millonadas a promotores para construír vivendas nun claro pelotazo urbanístico.

19,2 millóns debéronse a perda patrimonial xerada por unha inexplicable sucesión de eivas como recomprar terreos que xa eran do Concello, tal e como demostra o informe técnico municipal. Por exemplo non se respectaron as disposicións legais nin o regulamento de bens das corporacións locais para adquirir parcelas, incumpríronse as obrigacións legais co respecto ao patrimonio municipal, así as parcelas adquiridas non constan en ningún rexistro municipal, tampouco figuraban inscritas no catastro, nin no rexistro da propiedade. Debido a esta deixación de funcións o concello perdeu 9.400 m2 de terreos, o que equivale a uns 7,8 millóns de euros, segundo os prezos de venda do ano 2004. Tamén foi inadecuado o procedemento para a venda de patrimonio municipal, o goberno do PSOE acordou adxudicación directa das parcelas, cando a Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia establece expresamente que debe ser por procedemento de concurso. Por incumprirse, incumpriuse até o PXOM do 1988 ao venderse solo que tiña que ser cedido para vivendas de promoción pública. O Concello tamén perdeu patrimonio na permuta de terreos debido a erróneas interpretacións de convenios por parte do Concello, como os 7 millóns coa familia Catoira.

Esquerda Unida considera que cos cartos perdidos pola nefasta xestión urbanística do PSOE poderíase ter erradicado a exclusión social na Coruña, porque as sentenzas seguiran caendo en contra do concello podendo superar os 50 millóns so co caso Someso, cantidade que supón unha quinta parte do orzamento municipal e que podería terse dedicado a promover e fortalecer os servizos sociais, o que permitiría crear e manter unha rede de comedores sociais nos barrios coruñeses, así como un albergue municipal e un Centro de Inclusión Social.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o escándalo Someso promovido polo PSOE no que se lucraron promotores urbanísticos como Fontenla supón unha perda económica de máis de 150 € a cada coruñés”.

Relacionados