Santiago de Compostela, 5 marzo de 2013.- O grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda a través do deputado, Ramón Vázquez, presentou en comisión unha proposición non de lei aprobada por unanimidade na que se insta á Xunta de Galicia a axilizar as xestións para conseguir os terreos necesarios e iniciar coa maior celeridade posible a construción dun novo centro de Ensino de Educación Infantil e Primaria no barrio do Sagrado Corazón no Concello de Lugo.
O CEIP Sagrado Corazón de Lugo é froito dun convenio cesión asinado nos anos 80 pola obra social de Caixa Galicia, hoxe Nova Galicia banco, no que se destinaban estas instalacións a usos educativos por un período de trinta anos. Dito convenio remata no ano 2018 e a nova entidade financieira ten anunciado a non renovación desta cesión. A esta problemática engádese o feito de que o colexio na actualidade non reúne os requisitos educativos nin de seguridade por atoparse nun estado de avanzado deterioro, agravado pola ausencia de obras de mantemento motivada precisamente pola inminente finalización do convenio. Por estes motivos, desde AGE consideran imprescindible a construción dun novo centro de ensino que de resposta as necesidades de escolarización desta zona de xeito urxente.
O 9 de febreiro de 2012 o Concello de Lugo recibiu unha petición da Xunta para que cedese os terreos municipais necesarios para a construción do centro. Desde o concello despois de analizar a disponibilidade de terreos coa area de Urbanismo se chega a conclusión de que o único espazo dispoñible que reúne as condicións necesarias é o cedido pola Consellería de Sanidade para a construción, no seu día, dun centro de saúde polo que se remite a dita Consellería a posibilidade de realizar un cambio dos usos, sin obter polo momento resposta. Ante isto, AGE presentou esta Proposición non de lei que permitirá, tras ser aprobada hoxe por unanimidade, pedir a máxima celeridade nas xestións e na propia construción do novo centro.