Central de compras

Esquerda Unida reitera a súa proposta da creación dunha oficina centralizada de compras e contratacións municipal que planifique rigorosamente as compras e concesións de servizos para evitar os habituais contratos a dedo por motivos de urxencia, e que vele pola correcta aplicación de criterios de sustentabilidade social e medioambiental ao tempo que permita un importante aforro económico ao concello e que este investimento serva de pulo para a economía produtiva local. Esta claro que o goberno municipal fai oídos xordos ás propostas da oposición, mais neste caso so ten que seguir o exemplo da Deputación que calcula aforrar un 20% do gasto coa ferramenta que EU xa propuxo fai case un ano, concretamente o 28 de xaneiro de 2013 a anunciou publicamente en rolda de prensa.

EU considera que cunha correcta planificación das compras e servizos, xunto coa definición de requisitos nos pregos de condicións tendentes a promover a potenciar clusters empresariais locais, pódese incidir profundamente na reactivación da economía coruñesa e favorecer o cambio do modelo produtivo local, asemade de mellorar os servizos á cidadanía e producir un importante aforro que permita realizar novos investimentos para promover unha maior competititvade do noso tecido produtivo o que suporá creación de emprego.

Para o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes as contratacións deben estar baixo a supervisión dun grupo de expertos en economía do ben común, RSC e sustentabilidade, que en coordinación co servizo de contratación, os técnicos de cada departamento demandante e expertos da Universidade, exploren todas as posibilidades que permite a Lei de Contratos do Sector Público para que o propio mantemento dos servizos necesarios na cidade incidan positivamente sobre a economía local de maneira limpa e transparente. Pois a contratación pública supón un 18% da nosa economía e hai motivos suficientes para non aforrar esforzos en controis sobre a correcta administración do diñeiro dos contribuíntes, tanto dende o punto de vista da estrita legalidade como dende o punto de vista da integridade política.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “a UDC debería ser parte da absolutamente necesaria central de compras local. Debemos aplicar tódolos criterios de Responsabilidade Social Corporativa que a lei permite en materia de compras e contratacións, e poñer en valor a capacidade da nosa Universidade con convenios de colaboración beneficiosos para unha sociedade do coñecemento.”

Relacionados