A nosa organización entende que suporía pór en valor un inmoble situado en solo público que situado no Esteiro histórico resta sen utilizar na actualidade.
O barrio de Esteiro adoece dun equipamento desta natureza, que contribúa a dinamizar a vida social e cultural da súa veciñanza. O inmoble proposto permitiría producir nun prazo breve un espazo de encontro da veciñanza que o barrio necesita, que todo barrio precisa para facilitar a vida social cidadá e conquerir que os barrios teñan unha vida cidadá e cultural propia.
A nosa organización vén de manter un encontro este pasado luns coa directiva da asociación veciñal de Esteiro onde se fixo un repaso de vagar da nómina das tarefas onde o Goberno Municipal non é quen de quitar adiante as propostas veciñais e as demandas de Esquerda Unida, moitas delas coincidentes.
Valgan algúns exemplos, caso da adquisición do Forno Bellón, que se arrastra dende 2009 sen que o Goberno teña feito nada para cumprir os seus compromisos con Esquerda Unida, e evitar ademáis a ruína do inmoble. Se a actual propiedade do inmoble busca iso debería atopar outra actitude de parte do Goberno Municipal. Unha actitude de firmeza e defensa da disciplina urbanística que castigue a especulación e non permita a perda do patrimonio arquitectónico da cidade. Esquerda Unida reclama ao Goberno que evite a ruína do inmoble e recupere esa peza.
A nosa organización tamén constatou que nada se ten feito até agora para proceder a reurbanizar dous espazos demandados pola veciñanza do barrio e para os que EU acadou unha consignación no orzamento deste ano: a Praza da Paz-José Couso e a Praza das Vítimas do 11 de Marzo. Na primeira se xa se fixera unha primeira fase cando formabamos parte do Goberno Municipal, en 2008.
Doutra banda temos que manifestar o noso rexeitamento ao particular da cesión dun local público no barrio de Esteiro para gardar os tronos da semana santa. A nosa organización entende que a igrexa católica ten medios abondo para albergalos nas dependencias da súa propiedade sen restar un espazo público a un barrio e sen comprometer a necesaria laicidade que debería presidir as relacións cos poderes públicos.
A escola infantil de Esteiro foi outra das demandas que aínda se arrastran dos tempos do anterior bipartito e que a Xunta gobernada polo PP está a incumprir.