Centro comercial do Ventorrillo

Esquerda unida denuncia o lamentable estado de abandono no que se atopa o centro comercial do Ventorrillo, o centro que outrora foi neurálxico no barrio, presenta un estado desolador con ducias de locais comerciais pechados, incuso a Farmacia atópase pechada, con todo o peche máis significativo e prexudicial para os veciños foi o do supermercado GADIS, que ademais de dar servizo a gran parte da poboación, tamén actuaba como dinamizador do edificio comercial no que estaba situado, atraendo clientela para o resto dos negocios alí instalados.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes preguntará oralmente no vindeiro pleno si o goberno municipal ten pensado actuar diante das denuncias da veciñanza do Ventorrillo en canto á utilización dos baixos comerciais como lugares de festas os fins de semana producindo molestias por ruídos até altas horas da madrugada ademais de deixar toda a zona chea de refugallos, ouriñes e vómitos.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou “resulta lamentable observar o pasotismo do goberno municipal diante dunha infraestrutura comercial desértica, non cabe dúbida de que os baixos son privados mais o concello debería promover iniciativas que favorezan a reactivación da zona”.

César Santiso afirmou non comprender como o goberno local está a desaproveitar esta ocasión para dinamizar o barrio, pois “de seguro que os donos dos locais comerciais estarían dispostos a arrendar os baixos a un prezo asequible se o concello presenta unha proposta viable para reactivar a economía local”. Precisamente neste sentido o día 3 de febreiro de 2012 os veciños do Ventorrillo presentaron un escrito apoiado por 2000 sinaturas pedindo unha entrevista coa Sra. Cid, tenente de alcalde de emprego, empresa, turismo e comercio, co obxectivo de expoñer o problema e requirir que o Concello fixera as xestións necesarias para conseguir que o barrio do Ventorrillo volva a dispoñer dunha infraestrutura comercial básica para unha cidade moderna, avanzada e “intelixente” no século XXI. Con todo, e apesares de que o grupo municipal de EU-V ten presentado unha batería de iniciativas para que o goberno municipal recibise a este colectivo veciñal, o goberno local nin tan sequera dignouse a recibilos.

Relacionados